O Comité Educativo avanza un plan de benestar emocional para reducir a influencia da pandemia na comunidade escolar

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, explicou que este documento porá a disposición de alumnado e profesorado as pautas e ferramentas necesarias para velar pola estabilidade emocional nun curso escolar marcado pola covid

Tamén se aprobou que, mentres dure o peche da hostalería, os institutos poidan habilitar espazos para o consumo de alimentos, cumprindo as normas de seguridade, para aqueles alumnos que non poden volver aos seus domicilios

Deuse o visto bo definitivo ao Plan de Atención ao Alumnado Vulnerable, co apoio de 4.000 especialistas para garantir o proceso educativo en todos os contextos

Ven, 05/02/2021 - 12:17

Á falta do texto final, porá a disposición de estudantes e profesorado unha serie de ferramentas e pautas dirixidas a afrontar con éxito os contextos adversos como é o caso actual coa covid. É dicir, proporcionar un conxunto de recursos que axuden a profesores, alumnos e familias a convivir con esta situación de incerteza e a conseguir que non inflúa negativamente na convivencia dos centros e nos resultados académicos.

Segundo Román Rodríguez, “a capacidade para abordar este tipo de situacións repercute de xeito directo no proceso de aprendizaxe”, de aí a necesidade de contar cunha estratexia de atención e profesionais ben formados que, de xeito conxunto cos alumnos, sexan capaces de converter situacións adversas en oportunidades de mellora a nivel persoal e a nivel do sistema.

“Esta pandemia −subliñou o conselleiro− puxo de manifesto que, como sociedade, temos moito que aprender do nivel de responsabilidade e da capacidade de organización e de adaptación dos alumnos e dos profesores”.

Análise da evolución de casos

Segundo o conselleiro, todos eles deron exemplo durante o primeiro trimestre do curso, “e volven dalo nestas semanas duras”. Refírese así á dinámica de casos nos centros educativos, que esta semana está dobregando a curva “grazas á absoluta responsabilidade” dos centros educativos. Segundo os datos epidemiolóxicos, esta é a primeira semana tras o Nadal na que a curva empeza a descender. Con todo, o conselleiro sinalou que as cifras globais son aínda altas, na liña das do conxunto da sociedade, polo que é imprescindible seguir cumprindo cos protocolos e medidas.

Atención de peticións recibidas

Doutra banda, a petición da comunidade educativa, elevouse ao Comité de hoxe un borrador de instrución para que, mentres dure o peche dos servizos de hostalería, os alumnos dos IES e CIFPs que non poden regresar ao seu domicilio entre quenda e quenda poidan dispoñer dun espazo axeitado para comer. Trátase dunha petición trasladada precisamente por membros do Comité Educativo na anterior reunión.

Así, avaliouse que os centros poderán habilitar un espazo provisional destinado ao consumo de alimentos. Este espazo deber dispor de ventilación natural e ser suficientemente amplo para garantir a distancia de seguridade de alomenos 1,5 metros. Ademais, o consumo de alimentos deberá ser individual e o uso da máscara obrigatorio salvo no momento efectivo de inxerir o alimento.

Igualdade de condicións

Así mesmo, o Comité Educativo deu luz verde ao texto definitivo do Plan de atención ao Alumnado Vulnerable, que fora avanzado na reunión da semana pasada. Así, a partir de agora, o sistema educativo galego dispón dunha folla de ruta clara, con procedementos organizados e recursos específicos para garantir a atención educativa a este alumnado en igualdade de condicións que os seus compañeiros, no caso de que a evolución da pandemia esixira o paso ao ensino non presencial.

Para ilo, o Goberno autonómico dispón dunha rede de 4.000 especialistas de apoio a estes alumnos, que serían os encargados de atender a estes nenos en modo telemático, se fora o caso, sempre baixo a supervisión dos titores.

O documento establece que, sempre que sexa posible, o traballo destes alumnos integrarase na aula virtual do centro e, co apoio dos especialistas, favoreceranse as rutinas de traballo así como o contacto, a interacción e a participación diaria co seu grupo de compañeiros. Fíxase tamén a necesaria preparación destes nenos para o ensino virtual, con formación e adestramento previo nas sesións presenciais.