A Xunta recoñece o labor dunha ducia de centros escolares e docentes cos primeiros premios ‘Innovagal’ á innovación educativa

Esta iniciativa pon en valor o labor de profesorado e colexios e institutos que desenvolvan enfoques didácticos ou organizativos para dar resposta ás necesidades do seu alumnado
Os contidos galardoados céntranse na aposta pola renovación educativa facendo fincapé na aprendizaxe por proxectos, no traballo colaborativo e no enfoque multidisciplinar
Os profesores premiados recibirán unha certificación equivalente a 50 horas de formación en innovación
Sáb, 30/01/2021 - 11:34

A Xunta de Galicia vén de galardoar o traballo de sete centros escolares e catro docentes cos primeiros premios Innovagal á innovación educativa en Galicia neste curso 2020-21.

Esta novidosa acción impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten como finalidade recoñecer o labor de centros e docentes cunha traxectoria de compromiso coa innovación educativa a través do desenvolvemento de iniciativas didácticas ou organizativas que buscan dar resposta ás necesidades do seu alumnado, que cambian en función da evolución da sociedade.

Os centros premiados recibirán o distintivo de Centro educativo Innovagal, unha certificación con vixencia de catro cursos escolares que se exporá en lugar visible no centro e figurará na súa páxina web e na documentación impresa.

A innovación desenvolvida nos centros constitúe parte dun proceso de cambio necesario para a adaptación do noso sistema educativo aos retos da sociedade actual e un medio que propicia a mellora na calidade educativa.

Neste sentido, as prácticas educativas innovadoras supoñen unha oportunidade para aplicar metodoloxías activas que sitúen ao alumnado como protagonista da súa propia aprendizaxe e que fomenten o traballo en equipo. Involucran, ademais, varias disciplinas e promoven unha serie de melloras sostibles no tempo e aplicables noutros contextos educativos similares que buscan dar resposta ás necesidades do alumnado.

Modalidade de centros escolares

Na modalidade de centros escolares resultaron galardoados un total de sete centros das dúas categorías establecidas, unha para escolas de educación infantil, colexios rurais agrupados, centros de educación especial, colexios de educación infantil e primaria e colexios de educación primaria e outra para centros públicos integrados e institutos de educación secundaria, todos eles centros públicos dependentes da Consellería.

Así, os centros que se alzaron co primeiro premio recibirán unha dotación económica de 10.000 € para o 1º premio, 6.000 € para o 2º premio e 3.000 € para o 3º premio. Así mesmo outorgáronse dúas mencións de honra, unha por cada categoría, con 1.000 €. Estas mencións estaban dirixidas ás propostas destacadas con estratexias innovadoras de adaptación da actividade lectiva a un escenario non presencial motivado pola covid no curso 2019/20.

Os centros galardoados nas dúas categorías establecidas na convocatoria son os seguintes:

Categoría

Nome do centro

Concello

Provincia

Premio

Importe

A

CEIP Plurilingüe Meaño-As Covas

Meaño

Pontevedra

1º premio

10.000 €

CEIP Heroínas de Sálvora

Ribeira

A Coruña

2º premio

6.000 €

CEIP San Tomé

Cambados

Pontevedra

3º premio

3.000 €

CEIP San Tomé

Cambados

Pontevedra

Mención de honra

1.000 €

B

IES Plurilingüe Aquis Celenis

Caldas de Reis

Pontevedra

1º premio

10.000 €

IES Afonso X O Sabio

Cambre

A Coruña

2º premio

6.000 €

IES Isaac Díaz Pardo

Sada

A Coruña

3º premio

3.000 €

IES Plurilingüe Aquis Celenis

Caldas de Reis

Pontevedra

Mención de honra

1.000 €

 

Proxectos premiados

Canto ao contido dos proxectos galardoados, todos eles seguen unha aposta de renovación do proxecto educativo, tendo en conta a experiencia de outros colexios e institutos tanto a nivel rexional, como nacional e mesmo internacional.

Así, promoven iniciativas de aprendizaxe por proxectos, colaborativa e interdisciplinar, na que tratan de integrar ao conxunto da súa comunidade educativa. En canto ás temáticas abordadas, predominan o uso das tecnoloxías, a convivencia e a integración.

Modalidade docente

Na modalidade docente, outorgáronse catro dos oito premios que se incluían na convocatoria. As persoas galardoadas son Almudena Lacomba Maruri (submodalidade 1), María Isabel González Piñeiro (submodalidade 2), José Manuel Viñas Diéguez (submodalidade 3) e Felisa Redondo Valín (submodalidade 4). Estes premios levan asociados unha dotación económica de 3.000 € cada un. Ademais, recibirán unha certificación de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 50 horas de formación permanente do profesorado.