A Xunta convoca 151 novos contratos predoutorais e posdoutorais de formación inicial, financiados integramente con case 15,2 M€ de orzamentos autonómicos

Estas convocatorias inxírense nos programas de apoio posdoutoral e predoutoral, os de maior envergadura feitos pola comunidade autónoma ata o momento, cunha partida de 18 M€ para 175 novos contratos
Debido ao contexto covid, e co fin de garantir os contratos de formación posdoutoral, flexibilízanse os períodos de estadía no estranxeiro, que poderán desenvolverse entre un mínimo de seis meses e un máximo de dous anos ao longo de todo o período (ata o de agora era obrigatorio pasar os dous primeiros anos de contrato fóra)
Isto leva aparellado un cambio no reparto das contías anuais, pero en ningún caso unha baixada do salario, que se mantén invariable para o total do período de tres anos que dura o contrato
Así, as contías a percibir para todo o período oscilan entre 109.000 e 134.000 euros en función dos meses das zonas (na mesma liña que ata o de agora), pero incorporan unha mellora significativa de beneficios na tributación polo que o diñeiro líquido a percibir polos beneficiarios vai ser maior
Os cambios introducidos foron acordados coas tres universidades
No que atinxe ao programa de apoio predoutoral, convócanse 102 bolsas por un importe de 24.000 euros/ano durante tres anos, ademais de ata 6.000 euros para as estadías de tres meses no estranxeiro
Mér, 27/01/2021 - 13:06

A Xunta de Galicia vén de convocar hoxe a través do Diario Oficial de Galicia outras 151 axudas predoutorais (102 contratos) e posdoutorais da modalidade de formación inicial (49 contratos) de investigadores en Galicia, cunha dotación orzamentaria autonómica de case 15,2 millóns de euros a través dunha acción conxunta entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Estas novas axudas súmanse aos 24 contratos posdoutorais de modalidade B (consolidación dunha liña de investigación propia) convocados a semana pasada e que forman parte dos programas de apoio á formación predoutoral e posdoutoral do Goberno Galego, que este ano acadan un importe de 17,65 millóns de euros (un 5% de crecemento) e un total de 175 contratos, o que supón a convocatoria de maior envergadura −tanto a nivel de orzamento como de prazas− realizada ata o de agora en Galicia para estes dous programas.

Para ambas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ata o día 1 de marzo.

Posdoutorais de formación inicial

A abeiro do Programa de apoio posdoutoral convócanse 49 prazas posdoutorais de formación inicial (ata o de agora denominados modalidade A), cunha dotación orzamentaria de 9.398.700 euros, o que supón un incremento do 8,4% da contía e tres contratos máis con respecto á anterior convocatoria.

Debido á pandemia, no caso desta modalidade (que esixe estancias obrigatorias no estranxeiro), introdúcense unha serie de melloras co fin de preservar o proceso formativo íntegro das persoas que resulten beneficiarias e facilitarlles o traballo investigador no actual contexto sanitario. Así, de común acordo coas tres universidades, optouse por readaptar os contratos e flexibilizar os períodos de estadía no estranxeiro, que se van poder desenvolver en calquera momento ao longo dos tres anos de contrato (ata o momento era obrigatorio pasar os dous primeiros anos de formación fóra).

Polo tanto, a duración global da axuda segue a ser dun máximo de tres anos, pero elimínanse as fases pechadas e estancias de dous anos no estranxeiro e un ano de retorno, de xeito que as estadías se poden desenvolver de xeito flexible durante todo o período que dure o contrato. Tamén se incorporan varios sistemas para aqueles casos nos que, por razóns excepcionais, non se poidan realizar estadías no estranxeiro, e que estas se poidan substituír por centros de I+D+i nacionais alleos á comunidade autónoma de Galicia.

A flexibilidade das estadías leva aparellado un cambio na forma de repartir as contías de cada contrato pero, en ningún caso, unha baixada dos salarios. Isto é, a dotación económica total que recibe cada investigador no total do período de tres anos que dura o contrato é a mesma que ata o de agora, pero distribuída dun xeito distinto (agora cunha dotación salarial fixa máis un complemento por estadía). Así as contías a percibir para todo o período serán de entre 109.000 e 134.000 euros en función dos meses das zonas de estadía (na mesma liña que ata o de agora), pero incorporan unha mellora significativa de beneficios na tributación polo que o diñeiro líquido a percibir vai ser maior.

Cada contratado recibirá un importe de 28.600 euros brutos anuais en concepto de salario e custos sociais. Ademais, por cada mes de estadía, os beneficiarios recibirán un complemento de 1.000 euros (Portugal ou Andorra), 1.500 euros se o destino da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América, agás Estados Unidos e Canadá, e 2.000 euros se o destino da estadía está en Estados Unidos, Canadá, Asia ou Oceanía. Así mesmo, as persoas investigadoras que acaden a condición de bolseiras Fulbright recibirán a maiores outra contía de 500 euros brutos mensuais durante cada período de estadía en Estados Unidos.

Programa de apoio predoutoral

Para este programa a Xunta destina un total de 8.262.000 euros (un 1,6% máis que a deste ano) para garantir a formación inicial dos investigadores galegos a través de 102 novas bolsas (dúas máis) para contratos predoutorais no Sistema Universitario de Galicia (SUG), nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do sistema galego de I+D+i cunha duración de tres anos.

O obxectivo deste programa que se vén desenvolvemento desde o ano 2012 é a formación do persoal investigador desde etapas iniciais (preparación da tese doutoral), partindo da base de que, mediante procesos formativos estables, adquirirán as habilidades propias do persoal investigador. En concreto, hoxe hai 299 predoutorais realizando os seus traballos de investigación en Galicia grazas a esta liña de apoio da Xunta de Galicia.

Trátase de contratos de tres anos de duración que inclúen estadías de tres meses no estranxeiro. As persoas que resulten seleccionadas recibirán unha contía de 24.000 euros anuais, aos que hai que engadir un complemento de estadía no estranxeiro que pode acadar os 6.000 euros de máximo, xa que varía en función da zona de destino. Deste xeito, se o científico escolle Portugal ou Andorra recibirá 2.000 euros; se realiza a súa estancia en Europa (salvo os dous países anteriores), África ou América (agás Estados Unidos e Canadá) terá á súa disposición 4.000 euros; e se o destino é Estados Unidos, Canadá, Asia ou Oceanía, a achega será de 6.000 euros.

A convocatoria vai destinada ás universidades do SUG, aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos e Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e o IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutoras e doutores nos seus centros; e divídese en dúas modalidades.