Román Rodríguez avalía co conxunto da comunidade educativa as novas medidas sanitarias no ámbito escolar e universitario

O conselleiro informou á Xunta Autonómica de Directores, ás organizacións sindicais, aos representantes das anpas e aos reitores dos últimos acordos do Comité Clínico

Explicou que a decisión de adiar o reinicio da actividade lectiva na Universidade e impartir clases telemáticas no ensino de Réxime Especial ten como obxectivo reducir a mobilidade co fin de atallar a incidencia do virus no conxunto de Galicia

O Comité Clínico avala a seguridade dos centros educativos como espazos onde non hai transmisión interna agás casos moi puntuais

O conselleiro reitera o esforzo de alumnos, docentes, persoal non docente e familias, e fai un chamamento a non baixar a garda na aplicación dos protocolos

Mar, 26/01/2021 - 13:47
c

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, explicou hoxe que o conxunto de medidas adoptadas polo Comité Clínico no que atinxe ao eido educativo teñen como obxectivo principal reducir a mobilidade das persoas nas próximas tres semanas co fin de atallar a incidencia do virus no conxunto de Galicia, pero que non está en cuestión a seguridade dos centros de ensino, polo que se manteñen as clases ordinarias nos centros educativos.

De aí que se tomarán medidas específicas para o ámbito universitario e as ensinanzas de réxime especial (Escolas Oficiais de Idiomas, conservatorios, e escolas de arte, danza e deseño), que son precisamente as que, pola súa distribución xeográfica no territorio, implican máis desprazamentos; mentres que se mantén a actividade ordinaria no resto dos centros educativos.

Centros sen transmisión interna

Román Rodríguez insistiu en que o Comité Clínico “avala a seguridade dos centros educativos como espazos onde non hai transmisión interna salvo casos moi puntuais”. Aínda que se está producindo unha dinámica alcista nos casos detectados, mesmo superando o umbral dos 3.000 tras o acumulado da fin de semana, “este incremento enmárcase no xeral de Galicia e ten o seu fundamento nas interaccións familiares e sociais do Nadal”, explicou o conselleiro, que sinalou que a incidencia sobre o conxunto das 500.000 persoas que conforman a comunidade educativa é do 0,54%.

Así, co obxecto de reducir os movementos e as interaccións sociais, as tres universidades reanudarán a actividade lectiva o día 8 de febreiro (unha semana máis tarde do previsto na USC e na UVigo, mentres que na UDC se mantén a data) e con clases virtuais ata o día 17. “Esta medida −insistiu o conselleiro− ten como función reducir a mobilidade do estudantado universitario”.

De xeito análogo, tamén desde mañá os centros de ensinanza de réxime especial pasarán á actividade lectiva virtual xa que, segundo explicou Román Rodríguez, a oferta destes centros concéntranse principalmente nas cidades e nas grandes vilas, o que implica o desprazamento de alumnos desde amplas áreas. Con todo, o conselleiro trasladou que “non hai desconfianza nin se cuestionan as medidas de seguridade”.

Todas estas medidas foron analizadas hoxe nunha reunión coa Xunta Autonómica de Directores. O conselleiro tamén mantivo contactos cos reitores das universidades, cos directores dos centros que imparten ensinanzas de réxime especial, coas organizacións sindicais e cos representantes das anpas para trasladarlles as novidades.

Román Rodríguez aproveitou para poñer en valor, unha vez máis, o inmenso traballo e esforzo da comunidade educativa e especialmente a “autodisciplina” do alumnado, e fixo un chamamento a non baixar a garda canto á rigorosa aplicación dos protocolos e medidas establecidas, durante os próximos meses, ao igual que se fixo durante o primeiro trimestre, e comprometeu todo o apoio por parte da Xunta.