A Xunta licita por preto de 300.000 euros a mellora da cuberta do CEIP Mariñamansa, en Ourense

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de iniciar a contratación das obras, que teñen un prazo de execución de tres meses
Mér, 30/12/2020 - 13:03

A Xunta de Galicia vén de licitar as obras da renovación da cuberta do CEIP Mariñamansa, en Ourense, por un importe de preto de 300.000 euros e tres meses de execución. O procedemento de licitación iniciado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade pode consultarse no portal Contratos de Galicia.

Segundo o proxecto técnico aprobado, a intervención consiste nas obras de renovación da cuberta do edificio deste CEIP. Deste xeito, procederase a substituír os 2.200 metros cadrados da cuberta de fibrocemento con tella cerámica por outra realizada en chapa metálica tipo sándwich.

Esta actuación enmárcase dentro da aposta do Goberno galego pola mellora das infraestruturas e equipamentos dos centros escolares co obxectivo de acadar o máximo confort nas aulas. Nesta liña o departamento educativo do Goberno autonómico programa este ano obras e equipamento de máis de 51 M€.

Así, no marco do Plan de Reactivación do Sector Construción para a mellora dos Centros Educativos incrementouse en 30 millóns máis dos previstos inicialmente para este ano, co fin de favorecer a creación de emprego, especialmente entre as pequenas e medianas empresas.

Co novo investimento programáronse un total de 535 actuacións de obra e equipamento. As obras contemplan tanto rehabilitacións integrais e de mellora da eficiencia enerxética como ampliacións, traballos de Reforma, Ampliación e Mellora (RAM) e rehabilitacións sectoriais (sobre as problemáticas máis comúns nos centros: cubertas, carpintarías exteriores, iluminación...), entre outras.