A Xunta concede axudas a 28 escolas de música dependentes de institucións sen ánimo de lucro, o maior número desde que existe a convocatoria

O importe total da convocatoria ascende a 165.000 euros
Lun, 21/12/2020 - 11:39

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de conceder un total de 28 axudas a escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro, por un importe total de 165.000 euros.

Trátase do maior número de concesións desde que se realizan convocatorias para escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro, e que teñan entre os seus obxectivos a formación en ensinanzas de música que non conduzan a títulos académicos ou profesionais. De feito, en 2019 concedéronse axudas a 23 escolas, no 2018 a 14 e no 2017 obtivérona 15 escolas.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución desta convocatoria, da que se benefician centros de 24 concellos de toda Galicia. En concreto, na provincia da Coruña recibirán axudas escolas de Cambre, A Coruña, Rianxo, Santiso e Teo; na de Lugo, unha escola de Antas de Ulla e, na de Ourense, escolas de Celanova, Ribadavia e Xinzo de Limia. Na provincia de Pontevedra son beneficiarias escolas dos concellos de Agolada, Barro, Gondomar, Lalín, Mos, As Neves, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Soutomaior, Vigo, Vilaboa e Vilanova de Arousa.

O obxectivo destas axudas é potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinanzas de música non regradas e prestar apoio ás iniciativas para o fomento, difusión e extensión destas ensinanzas por parte das entidades sen ánimo de lucro que teñen entre os seus fins a formación musical. Cómpre sinalar que as escolas de música dedícanse á formación de afeccionados e á preparación das probas de acceso aos estudos conducentes á titulación daquelas persoas que teñan vocación e aptitudes para a música.

Estas escolas abarcan, como oferta básica, os ámbitos de ensino de música e movemento, práctica instrumental, formación musical complementaria á práctica instrumental, e actividades de conxunto.

Estas subvencións son compatibles con outras axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.