O conselleiro de Educación anuncia a apertura do novo CEIP de Vilalonga (Sanxenxo) para o vindeiro curso 2021/2022

Román Rodríguez e o alcalde de Sanxenxo comprobaron hoxe o avance dos traballos de construción do centro
As obras evolucionan de xeito favorable, malia a demora derivada da pandemia
Supón un investimento de máis de 4,5M€ por parte da Xunta de Galicia
Sáb, 19/12/2020 - 12:13

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe o novo CEIP de Vilalonga (Sanxenxo), co alcalde, Telmo Martín, onde anunciou que o seu departamento ten previsto abrir o colexio para o curso 2021/2022. De feito, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia puido comprobar o avance favorable das obras, malia a demora derivada da pandemia.

Tal e como explicou o conselleiro, actualmente está rematada a execución do edificio, e só resta a urbanización da parcela, que se fará en coordinación co Concello de Sanxenxo. Román Rodríguez subliñou que esta obra “representa o compromiso do Goberno galego co sistema educativo a través da dotación de novas infraestruturas nas zonas onde a dinámica poboacional o require”, como é o caso de Vilalonga.

O centro, que contará con 450 prazas, supón un investimento de máis de 4,5M€ para dar resposta ás necesidades de escolarización dunha zona na que o centro de referencia é o CEIP Cruceiro, moi antigo. Neste sentido, Román Rodríguez recordou que o Goberno galego centra os seus esforzos, de xeito prioritario, nos lugares nos que existe unha maior demanda de prazas escolares, ao tempo que se está a acometer unha renovación progresiva das instalacións educativas de toda Galicia, no marco do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016/2021.

Características

O novo CEIP de Vilalonga alberga 18 aulas docentes (seis de infantil e 12 de primaria), catro aulas de apoio educativo, aula de usos múltiples, biblioteca, aulas de informática e música, ximnasio e comedor así como unha zona de administración que incluirá despacho do director, do xefe de estudos e de coordinación e orientación, secretaría e arquivos, sala de profesores, ANPAS, aseos e conserxería. Así mesmo conta cos servizos comúns correspondentes.

O edificio estrutúrase en tres plantas, pequeno semisoto, planta baixa e primeira. Na planta semisoto sitúanse as zonas de instalacións e o ximnasio, mentres que a planta baixa alberga os accesos ao centro, a sala de comedor-usos múltiples, sala de profesores, administración, aulas de infantil e desdobre, así como a biblioteca, aula de informática e un gran patio central. Na planta primeira están as aulas de primaria, a de música e a de orientación. Na zona sur na zona libre da parcela hai unha pista polideportiva.

O centro contará con accesos independentes para o tráfico rodado e para o peonil, así como cun terceiro acceso para persoas con mobilidade reducida. Así mesmo, estará dotado de aparcadoiros.