O Comité Educativo avalía as medidas postas en marcha no primeiro trimestre, que garantiron un desenvolvemento seguro do curso

Aprobou seguir reforzando no segundo trimestre a formación en materia de prevención, con 5.000 novas prazas e 12 cursos con contidos personalizados para distintos colectivos profesionais

Ven, 18/12/2020 - 14:54
c
Román Rodríguez presidiu a reunión deste órgano asesor, que fixo balance da actividade desenvolta desde a súa creación

O conselleiro expuxo que, trala primeira semana de novembro empezou unha redución paulatina e progresiva da incidencia de casos covid nos centros escolares e que a día de hoxe se mantén, polo que se confirma que os centros non están sendo lugares de transmisión do virus.

Román Rodríguez subliñou que este escenario é o resultado dun “enorme traballo e sobreesforzo” por parte do conxunto da comunidade educativa, especialmente do profesorado, dos equipos directivos dos centros, dos alumnos e das familias. Así mesmo agradeceu as aportacións e o asesoramento dos integrantes do Comité Educativo en todos estes meses, “con case cen días de traballo técnico e nove reunións, moi participativas, nas que se aportaron moitas claves que foron fundamentais para que o inicio de curso se desenvolvese cunha grandísima normalidade dentro do contexto excepcional”. En palabras do conselleiro, “este primeiro trimestre o sistema educativo estivo á altura. E agardemos que no segundo se manteña a situación”, polo que fixo un chamamento á responsabilidade nestas vacacións de nadal.

Reforzo da formación

Doutra banda, o Comité Educativo tamén acordou reforzar a formación en materia de prevención da transmisión da covid-19 nos centros educativos, con accións específicas e segmentadas segundo os distintos colectivos que interactúan nos centros escolares, e que completarán as xa desenvoltas ata o de agora e que estiveron centradas fundamentalmente na formación dos equipos covid e do persoal de comedores e de limpeza.

Así o próximo trimestre ofertaranse unhas 5.000 prazas formativas para 12 cursos específicos en función dos colectivos aos que van dirixidos, por un lado para persoal docente e, por outro, para persoal non docente.

No ámbito docente ofertaranse cursos para os equipos directivos e os equipos covid; o profesorado de Educación Infantil, de Primaria, de ESO e de FP; de Ensinanzas Musicais, de Ensinanzas Artísticas e de Educación Física; e para os profesionais de Audición e Linguaxe e de Pedagoxía Terapéutica.

No que atinxe ao ámbito de persoal non docente, deseñáronse cursos para persoal de limpeza, persoal administrativo e subalterno, persoal de comedores e cafeterías, persoal que presta servizos no transporte escolar xestionado pola Consellería e persoal que desempeña labores de atención á diversidade nos centros escolares.

Os cursos estarán coordinados polos Centros de Formación e Recursos (CFR) da Consellería e, independentemente das prazas iniciais, atenderanse todas as solicitudes recibidas.