O secretario xeral de Universidades visita o alumnado do novo grao de Bioquímica, no campus de Lugo

Foi implantada este curso ao abeiro do Mapa de Titulacións acordado entre Xunta e Universidades
Mér, 16/12/2020 - 19:26

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, visitou hoxe o alumnado do primeiro curso do novo grao de Bioquímica, na Facultade de Ciencias de Lugo, onde se interesou polo desenvolvemento destas ensinanzas no seu curso de implantación.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou que a oferta desta titulación no campus lucense foi posible grazas á folla de ruta coordinada entre Xunta e universidades para planificar a medio prazo da oferta académica superior, o mapa de titulacións. Ao seu abeiro, desde o curso 2018/19 puxéronse en marcha 12 novos títulos de grao, entre eles este de Bioquímica e, tamén en Lugo, o grao en Paisaxe (curso 18/19, compartido coa UDC), o grao en Robótica (curso 19/20) e o grao en Empresa e Tecnoloxía (curso 20/21).

Despois da visita, celebrouse unha reunión de traballo para facer un seguimento da proposta de acreditación do Campus Terra. Esta solicitude é a segunda que realiza un campus de especialización, e o proceso resolverase no primeiro trimestre de 2021.