A Xunta pecha cos sindicatos a ampliación da oferta pública de emprego en 24 especialidades do corpo de profesores técnicos de FP

A Mesa Sectorial Docente non Universitaria, na súa reunión de hoxe, deu o visto e prace á nova oferta, que incrementa a 603 as prazas convocadas para este corpo
Román Rodríguez reuniuse cos directores dos Centros Integrados de FP para presentarlles esta nova medida, co obxecto de corrixir os efectos da Lei Celaá
As probas, ao igual que as da OPE de 2020, celebraranse o vindeiro ano
Mar, 15/12/2020 - 13:26

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse hoxe cos directores dos Centros Integrados de FP (CIFP) Ferrolterra, Enrique Pazo; Someso, Juan Carlos González Purriños; e Carlos Oroza, Manuel Hermo; para abordar a situación do corpo de profesores técnicos de FP como consecuencia da Lei Celaá, que prevé a extinción deste corpo, así como da nova medida da Consellería de Educación para corrixir os efectos desta nova normativa. Así, o conselleiro informoulles da ampliación da oferta pública de emprego do corpo de profesores técnicos de FP pechada entre Xunta e sindicatos na Mesa Sectorial Docente non Universitaria reunida esta mañá.

Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que a nova oferta incrementa a 603 as prazas convocadas para este corpo. Isto vai permitir ofrecer unha posibilidade de estabilidade laboral ás 452 persoas que neste momento son profesores técnicos de FP en situación de interinidade e que non contan cunha licenciatura. Tal e como está redactada agora a LOMLOE, estas persoas quedarían fóra do sistema.

Román Rodríguez explicou tamén que a intención é realizar as probas da nova OPE o vindeiro ano 2021, ao igual que as de 2020, sempre e cando as condicións sanitarias o permitan.

De feito, hoxe mesmo pechouse a ampliación da oferta entre os sindicatos e a Consellería, no transcurso da mesa sectorial do ensino non universitario presidida polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, e que tivo como punto único do día a nova OPE. As 24 especialidades nas que se convocarán prazas serán as mesmas xa contempladas para as oposicións de 2020, que incluíu 363 prazas neste corpo. A distribución das mesmas quedará como segue:

Código/especialidade

Prazas

201

Cociña e Pastelaría

8

202

Equipos Electrónicos

14

203

Estética

10

204

Fabricación e Instalación de Carpintaría e Moble

12

205

Instalacións e Mantemento de Equipos Térmicos e Fluídos

6

206

Instalacións Electrotécnicas

16

208

Laboratorio

4

209

Mantemento de Vehículos

30

210

Máquinas, Servizos e Produción

1

211

Mecanizado e Mantemento de Máquinas

10

214

Operacións e Equipamentos de Elaboración de Produtos Alimentarios

8

216

Operacións de Produción Agraria

8

217

Patronaxe e Confección

5

218

Peiteado

16

219

Procedementos de Diagnóstico Clínico e Ortoprotésico

8

220

Procedementos Sanitarios e Asistenciais

12

221

Procesos Comerciais

12

222

Procesos de Xestión Administrativa

20

223

Produción de Artes Gráficas

2

225

Servizos á Comunidade

7

226

Servizos de Restauración

7

227

Sistemas e Aplicacións Informáticas

17

228

Soldadura

4

229

Técnicas e Procedementos de Imaxe e Son

3

Total

240

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade aprobará esta oferta pública de emprego antes da entrada en vigor da LOMLOE, precisamente para evitar os efectos negativos desta lei sobre o corpo concreto de profesores técnicos de FP. Esta nova oferta afectará a todas as especialidades convocadas e implicará unha nova apertura do prazo de solicitudes para participar no procedemento selectivo, unicamente nas especialidades deste corpo de profesores técnicos de formación profesional.

O obxectivo é contribuír á estabilización do persoal interino que vén prestando servizos, ao tempo que a garantir profesorado suficiente na FP galega nos próximos cursos.