A Xunta presenta a formación para o profesorado sen máster co fin de manter os estándares de calidade do ensino galego

O conselleiro Román Rodríguez expuxo hoxe este curso, elaborado polo Centro Autonómico de Formación e Innovación co aval do Comité Educativo
O obxectivo é facilitar aos profesionais unha cualificación que facilite o seu labor, ao tempo que se garante ao alumnado a mellor formación dos seus docentes
Galicia corrixe así a decisión do Goberno central, que permite a contratación do profesorado sen esixir máis que a titulación
O curso, telemático, componse de cinco módulos que dan ao profesorado ás claves para desenvolverse no seu día a día
Lun, 23/11/2020 - 12:11

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe a formación que a Xunta de Galicia ten programada para os docentes que se contraten e que non conten co Máster do Profesorado ou equivalente. A iniciativa, tal e como salientou, ten como obxectivo manter os estándares de calidade do sistema educativo galego, avalados tanto polos resultados do informe PISA como por unha redución do 50% na taxa de abandono temperá na última década, que está agora na nosa Comunidad case cinco puntos por debaixo da media estatal.

Román Rodríguez explicou que esta formación é “un plus de garantía” fronte á decisión do Ministerio de permitir a contratación de docentes sen Máster do Profesorado sen esixir nada máis que a titulación. En calquera caso, non vai en detrimento dos dereitos do profesorado, dado que a contratación destas persoas será excepcional, só cando non exista outra persoa que si conte co Máster ou equivalente e non consolidará dereito na listaxe, tal e como foi transmitido aos sindicatos na mesa sectorial.

Neste sentido, destacou que os profesos de oposicións realizados en Galicia na última década, así como a apertura de listas en 49 especialidades o pasado verán, permite ao sistema educativo galego contar cun amplo número de docentes ben preparados para a docencia.

“Acabamos de rematar as instrucións para corrixir en Galicia os defectos do coñecido como decreto do aprobado xeral, mantendo o nivel de esixencia e os criterios de avaliación, promoción e titulación”, dixo o conselleiro, que salientou que “como Administración é a nosa obriga garantir e contribuír á formación profesorado, o que é a razón de ser da formación que hoxe presentamos”.

Elaborada polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), o corazón da Rede de Formación do Profesorado, e co aval do Comité Educativo, esta formación desenvolverase de xeito telemático e compaxinarase co período de traballo destas persoas, a través dun repositorio virtual habilitado pola Xunta –que contribuirá a que teñan un maior coñecemento do sistema educativo e das ferramentas tecnolóxicas institucionais– e baixo a supervisión de profesionais da Rede de Formación do Profesorado da Xunta.

Ao acto de presentación asistiron tamén o secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, e o director do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), Ángel Rodríguez Sánchez

Temáticas da formación

O curso está composto por cinco módulos. O primeiro deles centrarase no coñecemento da normativa, organización institucional e funcionamento dos centros educativos, do sistema educativo galego en xeral e das diferentes estratexias educativas da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O segundo módulo contribuirá a que a persoa que o curse se familiarice co traballo no centro educativo e coas funcións do profesorado en relación ás Competencias Profesionais Docentes

O módulo tres aborda cuestións como a adaptación do centro á covid ou as ferramentas tecnolóxicas institucionais (aula virtual, ferramenta de videoconferencia ou rede Agueiro), mentres que o cuarto afonda nos principais documentos (proxecto educativo, plan lector, programación anual...) cos que se traballa nun centro e os recursos para a aula, como o repositorio de contidos educativos Abalar.

Finalmente, o módulo quinto recolle a información para que o persoal docente coñeza as estruturas de formación permanente do profesorado.