Todos os profesores dos conservatorios xestionados pola Consellería de Educación contan coa titulación precisa para impartir clases

En total, nos conservatorios superiores e profesionais traballan máis de 550 profesores este curso académico

Na adxudicación de destino para este curso os nomeados para ocupar prazas nestes centros son profesores coa oposición aprobada en Conservatorios ou en Secundaria

Ven, 23/09/2011 - 19:35

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dotou aos conservatorios galegos de profesorado plenamente cualificado para desenvolver o seu labor docente nestes centros durante o curso escolar 2011/2012. Así na adxudicación de destinos provisionais para este curso escolar, o departamento educativo da Xunta de Galicia nomeou a profesores funcionarios en expectativa de destino do corpo de profesores de ensino secundario da especialidade de música para ocupar prazas nos conservatorios. A adxudicación destas prazas fíxose conforme á normativa - o que desminte rotundamente as críticas da Confederación intersindical Galega- ademais de contar coa conformidade dos propios profesores.

Estes docentes contan coa titulación específica para a praza que se lles adxudicou (superior de piano para unha praza de piano, superior de guitarra para unha praza de guitarra, etc..). Deste xeito, e como non podería ser de outra forma, os conservatorios contarán con docentes – este curso máis de 550- coa cualificación apropiada para impartir as correspondentes ensinanzas nestes centros que, segundo os datos provisionais cos que conta a administración educativa, poderían contar este ano cun lixeiro repunte de alumnado.

Aposta polas ensinanzas musicais

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria mantén así a súa aposta polas ensinanzas impartidas nos conservatorios de música e danza. Neste sentido, a actual Consellería dotou por primeira vez a estes centros dun regulamento orgánico específico de centro (ROC)para o seu funcionamento, que establece un marco de organización diferenciado dos centros docentes que imparten ensinanzas de réxime xeral, dando resposta a unha necesidade plantexada en numerosas ocasións polas comunidades educativas deses centros.

Ademais a Consellería vén de publicar a orde pola que se desenvolve o regulamento orgánico destes centros (ROC), que constitúe un marco referencial para a súa organización e funcionamento, co fin de facilitarlles unha mellor organización académica para a consecución dos seus obxectivos e para promover a excelencia nestas ensinanzas.

Asemade este curso académico estase a implantar o segundo curso das novas ensinanzas superiores de grao nas que Galicia é pioneira no conxunto de Estado pola inminente publicación do decreto que establece o currículo das mesmas.