Título node Learning object

Xornadas de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas
Ven, 20/11/2020 - 13:59
xornadas de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas

Estudos realizados nos últimos anos constatan a baixa presenza feminina no ámbito STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics). Así, a pesares de que a nosa sociedade está inmersa nunha serie de retos (crise enerxética, crise climática, crise alimentaria…) que dependen dos avances que teñan lugar na Ciencia e a Tecnoloxía, as mulleres e nenas atopan barreiras importantes que dificultan a súa presenza na ciencia. Neste escenario, non podemos prescindir das achegas da metade da sociedade.

A raíz da “Iniciativa 11 de Febreiro” que ten como obxectivo promover a realización de actividades que dean visibilidade á muller científica e impulsen o interese das nenas pola ciencia e a tecnoloxía, o profesorado feminino das carreiras STEM do Campus de Ourense da UVIGO impulsou eXXperimenta en feminino. O seu obxectivo principal é promover a visibilización das mulleres nas disciplinas científicas e tecnolóxicas e servir de polo de atracción de nenas e mozas cara á ciencia e as enxeñarías.

As profesoras, científicas e tecnólogas da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Universitaria de Enfermaría (Campus de Ourense, Universidade de Vigo) veñen organizando nos últimos anos xornadas de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia (11 de Febreiro).

En febreiro de 2021, por mor da situación sanitaria, non se poderá celebrar a xornada de forma presencial. Por iso, queren poñer a disposición dos centros de ensino unha exposición virtual sobre destacadas científicas presentadas por investigadoras dos centros universitarios citados.

Esta exposición virtual está dispoñible na páxina web https://exxperimentaenfeminino.uvigo.gal/ no apartado “EXPOSICIÓN VIRTUAL”.

Como se pode ver na páxina web existe a posibilidade de dispor dunha exposición de posters tipo roll-up que os centros poderían solicitar para mostrala durante un tempo limitado nas súas instalacións.