Galicia é a comunidade autónoma que máis test de cribado da covid-19 fai entre os universitarios

Os conselleiros de Educación e Sanidade participaron na sesión da Conferencia General de Política Universitaria e o Consejo Interterritorial de Sanidade
A incidencia do virus neste colectivo en Galicia é baixa neste momento, grazas ás medidas adoptadas en colaboración coas tres universidades galegas
A Xunta expresou ao Goberno central a súa queixa pola nula preparación da reunión, convocada sen orde do día nin documentación previa, o que impide ter un coñecemento máis obxectivo do estado actual nas distintas comunidades
Mér, 21/10/2020 - 19:28

Os conselleiros de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e de Sanidade, Julio García Comesaña, participaron hoxe na sesión conxunta da Conferencia General de Política Universitaria e o Consejo Interterritorial de Sanidade, onde destacaron que Galicia é a comunidade autónoma que máis test está realizando entre o alumnado universitario.

A través da Consellería de Sanidade, a Xunta de Galicia vén de enviar 50.000 test rápidos de detección da covid-19 aos servizos de prevención das tres universidades galegas, que procederán á realización dos mesmos entre o seu alumnado. Do mesmo xeito, estanse realizando cribados nas residencias universitarias.

Neste sentido, explicouse que a incidencia do virus neste colectivo en Galicia é baixa neste momento grazas ás medidas adoptadas en colaboración coas tres universidades. Non obstante, como constata un informe do Consejo de Estudiantes Universitarios del Estado (CEUNE) exposto polo Goberno central no marco desta xuntanza, fóra das aulas danse comportamentos que non favorecen o control da pandemia.

O Goberno galego expresou, así mesmo, a súa queixa pola nula preparación da reunión de hoxe, convocada sen unha orde do día nin documentación previa, o que impide ter un coñecemento máis obxectivo do estado actual da afectación nas diferentes comunidades autónomas. Desperdíciase así a oportunidade que supoñen este tipo de foros para compartir e consensuar diagnoses e medidas entre territorios e dar unha resposta homoxénea ás incidencias que a actual situación sanitaria está provocando no desenvolvemento do curso.

Ambas Consellerías seguirán reuníndose cada semana como ata agora para analizar e avaliar a situación nos tres campus galegos.

Anticipación e colaboración

A anticipación e a colaboración da Xunta e as tres universidades galegas contribuíu de forma decisiva na escasa incidencia actual da covid-19 no colectivo universitario. Neste sentido, púxose a disposición do Sistema Universitario de Galicia (SUG) unhas Instrucións de previsión de medidas de adaptación das universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso 2020/2021, publicadas o 30 de xuño.

Nelas establecéronse uns requisitos mínimos que garanten a calidade da docencia que neste curso 2020-21, así como unha serie de esixencias hixiénico-sanitarias, tendo en conta os posibles escenarios que defina cada universidade, ocasionados pola evolución da covid-19.

En base a estas instrucións, as tres universidades galegas elaboraron cadanseu Plan de prevención e control sanitario, con medidas adaptadas a cada un dos centros, así como un Plan de continxencia, que figura na guía docente de cada unha das materias incluídas no plano de estudos, onde se establecen as medidas de adaptación aos distintos escenarios previstos, tanto das metodoloxías docentes como dos sistemas de avaliación.