O Plan Proxecta incorpora este curso dúas novas modalidades centradas no Patrimonio cultural

A Xunta abre o prazo ata o 23 de outubro para que os centros se inscriban nesta iniciativa, que aglutina os 41 programas desenvolvidos polos diferentes organismos en relación coa educación
O obxectivo é avanzar no desenvolvemento da innovación educativa a través do traballo por proxectos vinculado a áreas como a saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía ou a convivencia, entre outros moitos
No pasado curso participaron nesta iniciativa preto de 148.000 alumnos de 579 centros que desenvolveron máis de mil proxectos
Sáb, 03/10/2020 - 09:20

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica a convocatoria para este curso 2020/2021 do Plan Proxecta, a iniciativa que aglutina todos os programas que os diferentes organismos da Xunta desenvolven arredor do eido educativo. Este ano incorpóranse á oferta dúas novas modalidades dentro do programa Educación Patrimonial, en concreto Museos e Patrimonio e Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning.

Museos e Patrimonio pretende promover unha colaboración estreita entre a comunidade educativa e o museo para facer deste un instrumento eficaz para a educación formal. Neste sentido, os participantes coñecerán o variado e rico patrimonio museístico e o patrimonio inmaterial asociado a este a través da implicación da comunidade educativa nas actividades destas institucións culturais. A través delas, promoverase a investigación do alumnado sobre aspectos culturais relacionados co patrimonio material e inmaterial que acaben por fomentar os valores asociados á súa conservación.

A modalidade Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning ten como obxectivo potenciar o coñecemento e a valoración do patrimonio cultural europeo material e inmaterial, propiciando o diálogo intercultural, e a cohesión social; ao tempo que se fomentan enfoques centrados na súa contribución á creación de emprego e ao crecemento económico e que persigan a súa conservación e sustentabilidade. Esta iniciativa funcionará tamén como un promotor da internacionalización dos centros educativos galegos e, neste sentido, para mellorar a comprensión doutras culturas e a comunicación intercultural, así como para promover a diversidade lingüística da Unión Europea e poñer en valor a lingua galega.

Competencias clave e transversalidade

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos interdisciplinarios que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo, e os elementos transversais, nos que se inclúe a educación en valores. Así mesmo, favorécese o traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado.

Neste curso ofértanse un total de 41 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a normalización lingüística e os dereitos da infancia ou a mobilidade. O procedemento de solicitude realizarase a través da aplicación informática https://www.edu.xunta.es/programaseducativos/ e o prazo de presentación rematará o día 23 de outubro de 2020.

No curso 2019/20 participaron no Plan Proxecta preto de 148.000 alumnos dun total de 579 centros de ensino que desenvolveron 1070 proxectos distintos coa colaboración de máis de 8200 docentes.