Educación destina 165.000 euros ás axudas ás escolas de música dependentes de institucións sen ánimo de lucro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria, que se destina a asociacións ou fundacións
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 7 de setembro
Ven, 07/08/2020 - 11:36

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das axudas dirixidas a escolas de música privadas dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro, á que destina 165.000 euros, a mesma cantidade có ano anterior.

A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 7 de setembro.

O obxectivo destas axudas é potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinanzas de música non regradas e prestar apoio ás iniciativas para o fomento, difusión e extensión destas ensinanzas por parte das entidades sen ánimo de lucro que teñen entre os seus fins a formación musical. Cómpre sinalar que as escolas de música dedícanse á formación de afeccionados e á preparación das probas de acceso aos estudos conducentes á titulación daquelas persoas que teñan vocación e aptitudes para a música.

Estas escolas, que contan cunha crecente demanda, abarcan, como oferta básica, os ámbitos de ensino de música e movemento, práctica instrumental, formación musical complementaria á práctica instrumental, e actividades de conxunto.

As axudas destinaranse ao desenvolvemento das súas actividades docentes desde o 1 de xaneiro ata o 30 de setembro de 2020. A contía máxima da axuda por beneficiario será de 15.000 euros.

Estas subvencións serán compatibles con outras axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.