O alumnado contará cun Plan de reforzo para recuperar as aprendizaxes non adquiridas no curso 2019/20

Segundo as instrucións publicadas pola Consellería, estas medidas terán carácter individualizado
A Consellería incorporará profesorado de apoio a través dos contratos-programa e o ARCO
Poderanse integrar materias en 1º da ESO e realizar agrupamentos específicos de alumnado en 4º curso
Xov, 30/07/2020 - 15:14
O alumnado contará cun Plan de reforzo para recuperar as aprendizaxes non adquiridas no curso 2019/20
O alumnado contará cun Plan de reforzo para recuperar as aprendizaxes non adquiridas no curso 2019/20

O alumnado galego contará con plans de reforzo e recuperación, elaborados polos equipos docentes, coa finalidade de que recupere as aprendizaxes imprescindibles non adquiridas no curso anterior. Así se establece nas instrucións que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar para o desenvolvemento do curso 2020/2021, tendo en conta a situación derivada da pandemia da covid-19.

Estes plans elaboraranse a partir dos informes individualizados redactados á finalización do curso 2019/2020 e da avaliación inicial, e reforzarán os elementos curriculares esenciais e as competencias e aprendizaxes imprescindibles do pasado ano académico, co fin de garantir a continuidade do proceso de ensinanza-aprendizaxe. O Plan de reforzo desenvolverase mediante axustes curriculares, segundo as necesidades individuais do alumnado demostradas polos resultados da avaliación inicial e estenderase, como mínimo, durante o primeiro trimestre do novo curso.

Así mesmo, as programacións didácticas deberán recoller as aprendizaxes e competencias clave non adquiridas no curso escolar precedente, co fin de detectar as necesidades do alumnado.

Nelas constarán, así mesmo, as adaptacións necesarias que a docencia semipresencial ou non presencial puidesen requirir, de ser necesario poñer en marcha este tipo de ensino, identificando de forma expresa aquelas aprendizaxes imprescindibles para a adquisición das competencias clave, así como o deseño de tarefas globais e das estratexias e instrumentos de avaliación máis adecuados para a consecución deste obxectivo.

Programa de acollida

Segundo as instrucións publicadas hoxe, cada centro desenvolverá tamén un Programa de acollida, co fin de facilitar a incorporación do alumnado afectado pola suspensión da actividade lectiva presencial durante o último trimestre do curso pasado, e que será elaborado polo equipo directivo en colaboración co departamento de orientación e as correspondentes titorías.

O programa consistirá na organización de actividades globalizadas para informar ao alumnado e familias de aspectos como os elementos clave de adaptación do centro ao novo curso, das novas normas de organización e funcionamento do centro e das actuacións de prevención, hixiene e protección.

Así mesmo, no marco deste programa informarase das accións formativas previstas para a mellora da competencia dixital do alumnado necesaria nas modalidades de ensino presencial, semipresencial e non presencial; así como das medidas relativas aos aspectos emocionais e sociais.

Horario de libre configuración

O vindeiro curso o horario de libre configuración de centro destinarase preferentemente ao reforzamento das materias troncais en Primaria e na ESO incluíndo tamén a Lingua Galega e Literatura nas dúas etapas.  A avaliación deste reforzamento estará integrado na materia obxecto do reforzo.

Integración de materias

Ademais, e co fin de facilitar o tránsito do alumnado entre a educación primaria e o primeiro curso da etapa, a organización curricular de primeiro da ESO, consistirá nunha proposta flexible de agrupación de materias por ámbitos de coñecemento.

Esta proposta concretarase por parte dos centros en función das súas propias características e das necesidades recollidas nos informes individuais do alumnado procedente do sexto curso da Educación Primaria. En calquera caso haberá que respectar os contidos, os estándares de aprendizaxe avaliables e os criterios de avaliación de cada unha das materias agrupadas, así como o horario asignado ao conxunto delas. A organización dos contidos nun ámbito realizarase de maneira globalizada, sen fragmentar en contidos específicos de cada materia que integra o ámbito.

PMAR

As instrucións contemplan tamén a flexibilización no acceso aos Programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento (PMAR), sempre e cando esta se considere a mellor opción para que a alumna ou alumno finalice con éxito a ESO.

Polo tanto, con carácter excepcional, durante o curso 2020/21, os únicos requisitos esixibles para que un alumno ou alumna poida acceder a este programa, serán a proposta razoada do equipo docente e informados as nais, os pais ou os/as titores/as legais do alumnado afectado pola medida.

Agrupamentos en 4º da ESO

Así mesmo, e tamén co obxectivo de que o alumnado supere con éxito a ESO, os centros poderán organizar agrupamentos específicos no 4º curso desta etapa, aos que accederán de forma prioritaria os estudantes que teñan cursado e superado o programa de mellora da aprendizaxe e o rendemento e continúen a ter dificultades de aprendizaxe non imputables a falta de estudo ou esforzo.

Excepcionalmente, poderán incorporarse alumnas e alumnos que teñan que repetir 4º de educación secundaria obrigatoria e con dificultades non imputables a falta de estudo ou esforzo.

Dotación de profesorado

Ademais do profesorado que se incorpore aos centros para facer posibles os desdobramentos precisos, a Consellería de Educación dotará os centros de profesorado de apoio e reforzo a través dos Contratos-Programa e do programa ARCO (Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación), e que poderán colaborar no desenvolvemento das devanditas medidas.

O número concreto de docentes que a Consellería de Educación contratará a maiores darase a coñecer unha vez estean pechados os datos de matrícula do vindeiro curso 2020/2021 en todas as etapas educativas non universitarias.

Formación Profesional

No referido á Formación Profesional, a resolución de inicio de curso tamén publicada hoxe indica como novidades a integración nos módulos de 2º curso dos resultados de aprendizaxe non acadados no 1º curso co fin de favorecer a adquisición da competencia xeral do título.

Ademais no curso 2020/2021 os centros terán a posibilidade de establecer franxas horarias (ata un máximo do 20% no réxime ordinario e do 33% en presencial de adultos) para a realización de formación telemática nos módulos dos ciclos que se imparten de forma presencial.

En FP a distancia incorpórase a posibilidade de realizar as titorías colectivas e as probas parciais mediante medios telemáticos.