O conselleiro de Educación inaugura a Aula Schneider Electric no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela
Na aula darase formación a profesores alumnos e persoas dos sectores relacionados cos ciclos formativos das familias de electricidade e electrónica, enerxía e auga, instalación e mantemento.
É a primeira ocasión na cal se implanta un aula destas características fora dunha universidade
Profesorado dos Centros Integrados de Formación Profesional participarán na Aula Schneider Electric nunha xornada sobre eficiencia enerxética
A colaboración entre centros educativos e empresas é fundamental para dar a mellor formación ao alumnado
Mar, 06/09/2011 - 16:42
Aula Schneider Electric no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela
O conselleiro de Educación inaugura a Aula Schneider Electric no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou esta mañá a Aula Schneider Electric no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela.

A aula Schneider Electric ponse en marcha cunha xornada de eficiencia enerxética dirixida ao profesorado das familias de electricidade e electrónica, enerxía e auga, instalación e mantemento dos centros integrados de formación profesional (CIFP) de toda Galicia. O beneficio de esta iniciativa e dobre, xa que permitirá non só a formación do profesorado, e polo tanto, a transmisión destes coñecementos a alumnado que cursa os ciclos formativos,  senón tamén  a cualificación e actualización dos profesionais que forman parte do tecido produtivo no que inciden as anteditas ramas de FP.

A Aula Schneider Electric aporta as últimas tecnoloxías innovadoras para a formación dos colectivos implicados, sendo esta a primeira ocasión na que unha aula destas características se implanta nun centro de FP en España, xa que ata o de agora tan só se levara a cabo en universidades.

No acto de inauguración, o conselleiro, por parte do sector educativo, estivo acompañado polo director xeral de Formación Profesional e Innovación educativa, José Luis Mira Lema, o director do centro José Manuel Leis, e polo profesor do departamento de electricidade, José Luís García. Por parte da empresa Schneider Electric, asistiron o director de marketing e comunicacións José Emilio Serra,  o director xeral de relacións institucionais e comunicación, Francesc Corberó, y David Estrada, o director del Instituto Schneider Electric Formación –ISEF-.

Compromiso permanente

Deste xeito renóvase o compromiso existente, entre a Consellería e a empresa Schneider Electric a prol da mellora  da formación dos estudantes de F.P., a través da entrega de material eléctrico de vangarda para empregar durante as horas lectivas.

Durante a inauguración, na que o conselleiro tivo ocasión de comprobar de primeira man a realización do curso de eficiencia enerxética, Vázquez sinalou que “coa situación económica que temos que vivir é fundamental que as nosas alumnas e alumnos, futuros profesionais, teñan a mellor das preparacións” ao cal engadiu máis tarde “coido que estamos, pois, no bo camiño, avanzando na dirección correcta e facendo un esforzo conxunto para acadar o noso obxectivo último, ambicioso, pero necesario, o da excelencia do sistema educativo”.

Pola súa banda, José Emilio Serra, Director de Marketing e Comunicacións de Schneider Electric, destacou a importancia da retroalimentación entre a formación profesional e as empresas: “É necesario que exista unha relación constante entre os centros educativos e as empresas, unha aposta firme pola formación profesional, un compromiso coa calidade da ensinanza e a formación dos futuros profesionais”. Serra tamén dixo que “a través das Aulas Schneider Electric como a que inauguramos en Santiago de Compostela –presentes tamén noutros puntos da xeografía española-, a compañía proporciona aos estudantes as ferramentas necesarias para desenvolver de forma eficiente a xestión da enerxía”.

Mellora dos CIFP

Os CIFP galegos saen reforzados con este tipo de colaboracións con empresas, permitindo acadar os seus fins de cualificación e recualificación das persoas ao longo da súa vida, establecendo unha oferta de formación profesional modular, flexible e de calidade. Dos 17 CIFP dependentes do departamento de Educación da Xunta de Galicia, 8 participarán na formación que Schneider impartirá a través da súa aula.

Deste xeito a os centros dependentes da Consellería dan resposta ás demandas da poboación e as necesidades xeradas polo tecido produtivo. O obxectivo do establecemento dun espazo de cooperación entre o sistema educativo e empresas coma Schneider Electric, é desenvolve re estender unha cultura de formación permanente, contribuíndo ao prestixio da FP.

A aula de máis de 100 metros cadrados e con capacidade para 30 alumnos, suporá un compromiso que favorece ao ámbito da distribución eléctrica, a automatización e ao control industrial, eidos que obrigan a unha actualización constante dos coñecementos e dos equipos empregados con tal fin. Esta aula contribuirá de maneira decisiva a mellora do nivel técnico dos futuros profesionais galegos, a través da formación do profesorado e do acceso as últimas tecnoloxías implementadas na industria, infraestrutura e vivendas.

Colaboración con empresas

A aula e resultado do acordo asinado con Schneider Electric España, unha compañía especialista global en xestión da enerxía e con operacións en máis de 100 países, encargada de dar solucións integrais para diferentes segmentos de mercado, e que ostenta posicións de liderado en enerxía e infraestruturas, industria, edificios e centros de datos, así coma unha ampla presenza no sector residencial. A través do seu compromiso de axudar ás persoas e as organizacións co obxectivo de maximizar o uso da enerxía dun modo máis seguro, fiable e eficiente.

A colaboración entre a Consellería e Schneider Electric persegue o desenvolvemento persoal e profesional dos alumnos, mellorando a calidade da ensinanza propiciando a necesaria retroalimentación continua entre a FP e as necesidades empresariais. Coa posta en marcha desta aula avánzase un paso máis na mellora da cualificación dos alumnos e a actualización dos coñecementos técnicos do profesorado. A creación de vínculos estables de comunicación entre centros educativos e empresas é fundamental, pois favorece a aproximación dos alumnos ao mundo laboral dende a súa etapa de formación.

Con estes acordos Educación segue a traballar na mellora da preparación dos alumnos e alumnas de F.P., neste caso das familias de electricidade e electrónica, e de instalación e mantemento. Deste xeito, e a través de convenios semellantes a este coas empresas relativas aos diferentes estudos, lógrase un permanente avance na calidade dos estudos de F.P. co obxectivo de dar a mellor formación e material posible ao alumnado, preparando ao mesmo para que poida afrontar coas máximas garantías a súa inserción no mundo laboral.