Educación destina 40.000 euros ás axudas complementarias do programa Erasmus+ para o alumnado de ensinanzas artísticas

Poderán acceder a elas todos os que tiveron dereito ás axudas europeas
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de agosto
Mér, 29/07/2020 - 12:53

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional destina un total de 40.000 euros ás axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario Erasmus+ para o alumnado que cursou ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia e que participou neste programa de mobilidade no curso 2019/2020. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destas bolsas complementarias autonómicas, ás que poderán acceder todos os estudantes galegos que tivesen dereito ás axudas europeas.

A duración das axudas e a súa contía mantense, de forma que os beneficiados percibirán bolsas que oscilan entre os 125 e os 195 euros/mes (que se suman ás axudas europeas), en función do país de destino, durante a estadía que pode durar entre os dous e os nove meses. En concreto, o importe será de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Irlanda, Francia, Italia, Austria, Finlandia, Suecia, Reino Unido, Liechtenstein, Noruega), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Bélxica, República Checa, Alemaña, Grecia, Croacia, Chipre, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal, Eslovenia, Islandia e Turquía) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (Bulgaria, Estonia, Letonia, Lituania, Hungría, Malta, Polonia, Romanía, Eslovaquia e Antiga República Iugoslava de Macedonia).

Unha vez distribuída pola Comisión Avaliadora a contía uniforme en función dos grupos de países, o orzamento restante dispoñible, se o houber, adxudicarase entre os solicitantes que posúan unha maior media no seu expediente académico e asignaráselles unha contía uniforme de 500 euros ata esgotar o orzamento.

Presentación de solicitudes

Poderá solicitar estas axudas o alumnado que estivese matriculado no curso 2019/2020 en calquera dos centros públicos que impartan ensinanzas artísticas superiores en Galicia e que gozase dunha bolsa Erasmus+ de mobilidade nese mesmo curso académico. Non poderá optar a esta bolsa o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe ou que desfrutase desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de agosto. Farase preferiblemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, para o que se poderá empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.