A Formación Profesional galega disporá de máis de 16 M € adicionais

Carmen Pomar asistiu hoxe á Conferencia Sectorial co Ministerio e as outras CCAA

A Consellería de Educación aceptou a oferta do Estado, co compromiso da súa execución

O Goberno galego xa ten trazadas as liñas nas que será investida a partida

Carmen Pomar demandou ao Ministerio unha clarificación sobre os fondos para o inicio de curso, máis aló do Real Decreto

Ven, 17/07/2020 - 13:40
c

A eficiencia de xestión da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional permitiralle dispoñer de máis de 16 millóns de euros adicionais para a Formación Profesional. A titular en funcións do departamento educativo da Xunta de Galicia, Carmen Pomar, explicou hoxe na Conferencia Sectorial que Galicia “acepta o Programa territorial extraordinario de FP e, por suposto, comprometemos a súa execución”. De feito, o compromiso de execución era condición para obter os fondos, que deben executarse no período que vai do 1 de setembro do 2020 ao 31 de decembro do 2021.

Pomar explicou que a Consellería ten xa trazadas as liñas para o gasto deste orzamento adicional, que segundo o comunicado polo Ministerio ascendería a 16.141.500,14 €, en cinco actuacións estratéxicas determinadas polo Ministerio e que “veñen referendar as políticas que se están desenvolvendo en Formación Profesional na Xunta de Galicia desde hai anos”. “Congratulámonos de que esta sexa unha liña estratéxica do Ministerio e aseguramos que faremos un aproveitamento óptimo destes fondos”, apuntou.

Neste sentido, o groso dos fondos adicionais, máis de 13,8 millóns de euros, destinarase ao incremento de prazas de Formación Profesional, facendo fincapé na oferta de FP Dual, así como aos procesos de acreditación de competencias básicas e profesionais. Cómpre lembrar que este proceso é fundamental para que as persoas traballadoras poidan acceder ao recoñecemento de unidades de competencia adquiridas pola súa experiencia laboral, o que contribúe á mellora do seu currículo e a abrirlles novas oportunidades no mercado de traballo.

O resto dos fondos destinarase á adquisición de equipamento tecnolóxico, á formación en dixitalización aplicada nos sectores produtivos e á creación de aulas de emprendemento en FP, o que suporá un incremento do número de viveiros de empresa en centros educativos. Neste momento a Rede Galega de Viveiros de Empresa en Centros Educativos está formada por 26 viveiros que imparten Formación Profesional nas catro provincias. Nestes espazos ofréceselles ás persoas tituladas e estudantes de ciclos formativos asesoramento para a creación das súas propias empresas, así como o espazo para albergalas nos seus primeiros anos.

Plan para a FP

No marco da Conferencia Sectorial celebrada hoxe, a ministra de Educación, Isabel Celáa, presentoulles ás Comunidades o Plan para la formación profesional, el crecimiento económico y social y la empleabilidad, cuxas liñas referendan as políticas que vén desenvolvendo desde hai anos a Xunta.

A iniciativa ten como obxectivo garantir formación e cualificación profesional a toda a poboación, tanto estudantes de FP como poboación activa, favorecendo a incorporación, permanencia e progresión no mercado laboral; así como co fin de cubrir as necesidades de cualificación que requiren os sectores produtivos.

O Plan parte dos principios de colaboración permanente público-privada, da posta en marcha dun novo sistema único de FP no marco do Sistema Nacional de Cualificacións e da xeneralización dos procedementos de acreditación de competencias. Así mesmo, a iniciativa ministerial busca incrementar o peso da FP Dual.

Neste sentido, Carmen Pomar puxo en valor o modelo de FP galego, que acadou un crecemento exponencial na última década e que, segundo os propios datos estatísticos do Ministerio de Educación, se sitúa como a FP cunha taxa de titulacións máis alta de todo o Estado en grao medio e a terceira máis alta en grao superior (datos do Sistema Estatal de indicadores de la Educación correspondentes ao curso 2017/2018).

Así mesmo, a conselleira en funcións destacou que Galicia leva unha década desenvolvendo todos os anos procesos de acreditación de competencias, nos que se teñen convocadas 91.170 prazas. No referido á FP Dual, Pomar apuntou que en Galicia xa supera as 1.000 persoas matriculadas, e que este ano se ofrecen de 768 prazas de nova matrícula, nun total de 56 novos proxectos.

Inicio de curso

Por outra banda, durante a súa intervención na Conferencia Sectorial a conselleira en funcións expresou a súa “preocupación e inquedanza sobre o inicio de curso en relación aos fondos destinados para el”. “Parécenos fundamental unha clarificación máis aló do Real Decreto do escenario financeiro para poder programar e planificar este comezo de curso complicado no que Galicia leva xa meses traballando coa consellería de Sanidade”, dixo.