Educación concede a mención de Excelencia aos máster en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética e en Enxeñería Informática na UDC e ao de Enxeñería Ambiental na USC

Trátase dos primeiros estudos do Sistema Universitario de Galicia en acadar este selo de calidade, que é pioneiro no conxunto do Estado
Mér, 15/07/2020 - 11:29

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de conceder a mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia aos máster en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, e o máster en Enxeñería Informática (ambos da Universidade da Coruña); e ao máster universitario en Enxeñería Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela, tal e como establece a resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Estas tres titulacións son os primeiros estudos do Sistema Universitario de Galicia en acadar este selo de calidade, que é pioneiro no conxunto do estado. Este recoñecemento ten unha vixencia de cinco cursos académicos ao fin dos cales poderá ser renovado por períodos sucesivos de igual duración.

A mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia, impulsada pola Consellería de Educación, acredita, por unha banda, o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos que acadan este recoñecemento; e, doutra banda, tamén supón unha garantía de futuro para os estudantes.

Estas mencións outórganse logo de analizar e revisar toda a documentación acreditativa enviada polas universidades. Para a concesión do selo tivéronse en conta os criterios de avaliación establecidos, que inclúen aspectos xerais do máster como a taxa de demanda, entidades públicas e privadas que colaboren directamente co máster, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro, e a existencia de titorización e mentorización individuais, con ata 25 puntos. Tamén se valoraron con ata 25 puntos os resultados do máster, para o cal se tiveron en conta os resultados das enquisas de satisfacción do alumnado, o seguimento dos egresados no mercado laboral e os indicadores externos de recoñecemento (artigos, ránkings...).

O profesorado do máster computou con ata 15 puntos, con aspectos como os méritos relevantes do profesorado permanente, a adecuación do currículo docente e investigador do profesorado cos contidos que se imparten no máster, e o prestixio e recoñecemento do profesorado procedente doutras universidades ou doutros conferenciantes externos.

A estratexia do máster (visión, misión e desenvolvemento futuro do máster, o plan de xestión para os cinco próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención) puntuou con ata 20 puntos. Con ata 15 puntos valoráronse o Plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas, emprego de metodoloxías docentes innovadoras); e con ata 10 puntos o apartado de Emprendemento, no que se teñen en conta aspectos como a existencia ou o compromiso de inclusión dun módulo vinculado directamente cunha formación en emprendemento e autoemprego.

Cómpre lembrar que a posta en marcha destas mencións de Máster de Excelencia é unha das medidas contempladas no Plan para a Excelencia do SUG para o trienio 2018-20, co obxectivo de fixar unha estratexia coordenada que permita ás universidades galegas dar un salto de calidade e avanzar no camiño da excelencia.