Educación abre o prazo para concorrer aos premios extraordinarios de FP de grao superior

Poderán optar aos galardóns as persoas tituladas no curso 2018/2019
Mér, 08/07/2020 - 11:14

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos premios extraordinarios de formación profesional de grao superior da Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ao curso 2018/19. O prazo de presentación de solicitudes para optar a estes galardóns estará aberto desde mañá ata o día 10 de agosto.

En total convócanse ata 23 premios extraordinarios, un por cada familia de formación profesional de grao superior implantada en Galicia. Poderán optar a este recoñecemento as e os estudantes que cursasen estudos de FP de grao superior no curso 2018/19 nalgún centro educativo da comunidade autónoma (ben modalidade presencial ou modalidade a distancia) e os rematasen no ano 2019, sempre e cando obtivesen unha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,5 puntos; entre outros.

O obxectivo destes galardóns é recoñecer publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estudos de formación profesional de grao superior en Galicia e enmárcanse dentro das diferentes accións que leva a cabo a Consellería para a posta en valor e fomento da excelencia dentro do sistema educativo galego.

A dotación orzamentaria para estes premios é de 19.550 euros que se distribuirán entre os galardoados na mesma contía, de 850 € por alumno. Ademais da correspondente dotación económica, a obtención destes premios dálle dereito ao alumnado a concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional de formación profesional de grao superior.

Solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia. Será imprescindible cubrir previamente os datos na aplicación que se atopa no enderezo https://www.edu.xunta.es/premiosedu desde onde deberá xerarse o formulario normalizado cuberto cos datos correspondentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.