A Consellería de Educación colaborará coa Cruz Vermella para o traslado a centros escolares de 67 alumnos con discapacidades

O acordo cobre os desprazamentos entre o fogar e o centro educativo, e as viaxes en horario escolar aos centros de rehabilitación
Xov, 01/09/2011 - 17:14

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria colaborará coa Cruz Vermella para que o alumnado con discapacidades se poida desprazar aos seus respectivos centros educativos.

Deste xeito, 67 alumnas e alumnos beneficiaranse deste convenio de colaboración, ao abeiro do cal a consellería financia o importe dos desprazamentos  de ida e volta desde os domicilios dos rapaces aos seus centros escolares, así como a ou desde os centros en que reciban tratamento rehabilitador, cando este coincida co horario escolar.

O servizo obxecto do convenio estará adaptado ás necesidades horarias das alumnas e alumnos, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que estes necesitan, e nel prestaranse os pertinentes servizos de acompañamento e atención ao alumnado trasladado.

Ademais, nos vehículos poderán viaxar os 12 coidadores que acompañan a aquelas persoas que precisen atención individualizada, continua e permanente. A Consellería de Educación farase cargo do 80% do gasto derivado da prestación destes servizos.

Atención á diversidade

O obxectivo destes acordos é dar resposta ás necesidades de escolares con distintos tipos de discapacidades, que precisan nos seus traslados ao centro educativo dunha atención específica e personalizada, de acordo coas súas necesidades física e psíquicas particulares.

Coa sinatura deste convenios a consellería reafirma o seu compromiso coa atención á diversidade do alumnado galego, para fomentar o seu acceso á escolarización en igualdade de condicións.