Estudantes de 23 centros educativos galegos resultan premiados no concurso Atrévete a ter unha idea

O obxectivo deste programa é darlle a coñecer ao alumnado o tecido industrial da súa contorna
Ven, 03/07/2020 - 18:45

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de recoñecer a estudantes de 23 centros educativos de toda Galicia cos premios do concurso Atrévete a ter unha idea, un certame enmarcado no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, eduemprende.

O obxectivo deste programa é darlle a coñecer ao alumnado directamente e a través do profesorado o tecido industrial da súa contorna, en concreto as empresas das diferentes asociacións empresariais colaboradoras, e sensibilizar a comunidade educativa da importancia de construír e fomentar unha nova cultura emprendedora. Así mesmo preténdese desenvolver as competencias persoais e sociais relacionadas co emprendemento que prepare ao alumnado para confiar nas súas capacidades.

Puideron participar no certame alumnas e alumnos de 5º/ 6º de Educación Primaria e 1º / 2º de Educación Secundaria Obrigatoria dos centros educativos sostidos con fondos públicos dependentes da a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Para facelo, deberon buscar unha idea de negocio e redactala como máximo en dúas páxinas. Os premios agora concedidos recoñecen as mellores propostas de negocio en cada zona.

Os estudantes premiados poden consultarse no portal educativo.

Visitas a empresas

O programa ‘Atrévete’ ten dúas partes e, ademais do devandito concurso, inclúe unha serie de visitas do alumnado a empresas e asociacións de empresarios, onde un empresario da zona lles ofrece unha conferencia.

Esta acción establécese dentro dun ámbito de colaboración entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e diferentes asociacións empresariais en favor do impulso da cultura emprendedora entre o alumnado e darlle a coñecer o tecido empresarial da súa contorna.