O prazo de solicitudes de admisión na Formación Profesional para o curso 2020/2021 comeza o 25 de xuño

Este ano poderá tamén solicitarse praza en cursos de especialización, dirixidos a persoas xa tituladas en ciclos formativos
A oferta publicarase no Diario Oficial de Galicia a vindeira semana
Ven, 19/06/2020 - 15:41

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe o calendario de admisión das ensinanzas de Formación Profesional para o curso 2020-2021. Nesta ocasión, inclúense tamén os prazos para pedir praza en cursos de especialización, que se impartirán este ano por primeira vez e que van dirixidos a persoas xa tituladas en ciclos formativos. A oferta detallada de ciclos formativos publicarase no Diario Oficial de Galicia a vindeira semana.

O prazo de presentación de solicitudes nos réximes ordinario e para as persoas adultas –presencial e a distancia– comezará o 25 de xuño ás 9 h. e prolongarase ata o 8 de xullo ás 13 h. A matriculación da primeira adxudicación de prazas comezará o 21 de xullo ás 9 h., ata o 27 de xullo ás 13 h. A continuación, unha vez se comproben as prazas que quedaron vacantes, procederase á segunda adxudicación de prazas, cuxo período de matrícula irá do 29 de xullo ás 9 h. ao 31 de xullo ás 13 h.

Canto á FP Dual, a presentación de solicitudes será tamén entre o 25 de xuño ás 9 h. e o 8 de xullo ás 13 h. O período de selección por parte da empresa colaboradora irá do 15 ao 17 de xullo, e as persoas finalmente seleccionadas poderán matricularse do 20 de xullo ás 9 h. ao 27 de xullo ás 13 h.

O calendario detallado pode consultarse no Portal de FP, no enderezo http://www.edu.xunta.gal/fp/ .

Cursos de especialización

A oferta de FP inclúe este ano tamén cursos de especialización, novas ensinanzas de FP, que veñen a complementar a formación incluída nos ciclos formativos de grao medio e de grao superior. Para acceder a eles é preciso cursar e superar previamente un ciclo formativo.

A diferenza dos ciclos formativos que dan lugar a un título oficial do sistema educativo, ás persoas que superen estes cursos expediráselles unha certificación académica que complementa a formación do título que se require para o acceso. A duración dos cursos de especialización está fixada entre 300 horas e 720 horas, e por tanto a formación asociada realízase durante unha parte do curso escolar. Algúns dos cursos de especialización, incorporan o módulo de Formación en centros de traballo (FCT) que tamén inclúen todos os ciclos de FP.

Neste caso, o prazo de presentación de solicitudes irá tamén do 25 de xuño ás 9 h. ao 8 de xullo ás 13 h., e o de matriculación do 17 de xullo ás 9 h. ao 27 de xullo ás 13 h.