A Consellería de Educación constitúe un comité de expertos para o coidado do benestar da comunidade educativa

Carmen Pomar presidiu a primeira reunión do grupo de traballo
Ante a situación excepcional que estamos a vivir, elaborará unha estratexia que atenda a estabilidade emocional para o vindeiro curso
Deseñaranse accións formativas para profesorado, familias e departamentos de orientación, así como unha Guía de actividades para a aula
Crearase unha Unidade Específica interdisciplinar de Apoio ao Benestar (UEAB)
Mér, 13/05/2020 - 13:48

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu hoxe a primeira reunión do Comité de Expertos para o Coidado do Benestar da Comunidade Educativa. Trátase dun grupo de traballo impulsado desde o seu departamento coa principal finalidade de elaborar unha estratexia para afrontar o vindeiro curso desde o ámbito da saúde emocional, tendo en conta a situación de crise derivada da pandemia do COVID-19.

Esta iniciativa, que recibirá o nome de Programa para o coidado do benestar da comunidade educativa, é unha acción que pon en marcha a Xunta de Galicia para atender o benestar emocional de todos os membros que integran a comunidade educativa.

Entre outras cuestións, o programa incluirá recursos que se lles van facilitar aos docentes para favorecer a estabilidade emocional do alumnado, así como a súa adaptación ás novas situacións provocadas pola pandemia. Ademais, porá á disposición dos centros educativos un equipo de especialistas para intervir en situacións de vulnerabilidade e risco, formado por membros dos servizos de orientación específicos (EOE) da Consellería, denominado Unidade Específica de Apoio ao Benestar (UEAB).

A iniciativa busca tamén facer partícipe neste proceso, de forma voluntaria, ás familias e recoñecer o papel fundamental que teñen na educación en situacións adversas. Por outra banda, contemplará accións formativas destinadas ao profesorado, familias, departamentos de orientación e inspección educativa. Este programa estará dispoñible para todos os centros educativos galegos que desexen desenvolvelo.

A medida recoñece a relevancia da estabilidade emocional de todos os membros da comunidade educativa como clave para afrontar e desenvolver o proceso de ensinanza e aprendizaxe con éxito, nun novo curso que se prevé que teña carácter extraordinario.

Neste sentido, o programa pretende dotar ao profesorado, familias, departamentos de orientación e inspección educativa de pautas e recursos que permitan coidar o seu equilibrio emocional e persoal para favorecer e acompañar na xestión das emocións e das conductas do alumnado.

Accións concretas

Así, prevese a posta en marcha dun programa de formación específico para o profesorado, familias e departamentos de orientación dos centros, coa finalidade de que adquiran pautas e recursos que lles axuden a manter o seu benestar emocional e contribuír á adquisición e desenvolvemento do mesmo no seu alumnado.

Tamén se elaborará unha Guía de actividades para a aula, que empezará a desenvolverse ao inicio do próximo curso escolar, por medio da acción titorial. O obxectivo é reforzar, e compensar os desaxustes emocionais que esta situación excepcional poida ocasionar neste tempo de reanudación da actividade lectiva.

Membros

O Comité de Expertos está formado por persoas especialistas na atención á diversidade e na orientación educativa, no coidado da conduta, no benestar e na saúde mental, así como por persoas con experiencia no asesoramento, formación e desenvolvemento en aula de programas específicos de educación emocional. Neste sentido contarase con persoas especialistas de conduta dos servizos de orientación específicos (EOE) das catro provincias, en concreto coa coordinadora do EOE de Pontevedra, Esther Núñez Pintos, e a súa  especialista en trastornos de conducta, Eloisa Teijeira Bautista; o coordinador e especialista en trastornos de conducta do EOE da Coruña, Manuel Armas Castro; e os tamén especialistas nestes mesmos trastornos nos EOS da Coruña (Mª Victoria Fernández Mosquera), Lugo (Marta Barrios Estoa) e Ourense (Luís Miguel Nogueiras Mascareñas).

Tamén forma parte do comité o facultativo especialista de área de Psiquiatría do CHUS e  presidente da Asociación Galega de Saúde Mental, Ramón Area Carracedo; e docentes e persoal orientador das diferentes etapas educativas, en concreto Elia Vázquez Varela (CEIP Pena Corneira, Carballeda de Avia, e exasesora do CFR de Ourense), Mª Aránzazu Folgar Castelo (asesora de formación no CFR de A Coruña), Rafael Lores Rosal (director do CEE de Panxón), Mª Josefa Motellón Carrillo (asesora participación educativa da Consellería), Beatriz Castro Súarez (CRA Ponte da Pedra, Carballo) e Sonia López Bugueiro (IES Fernando Blanco, Cee).