O conselleiro de Educación anuncia a inminente adxudicación do proxecto para a ampliación e reforma do CEP Antonio Magariños de Cambados

O investimento total nas melloras deste centro superará os 386.000 euros
Os traballos da primeira fase do proxecto no CEP cambadés supoñen unha inversión superior aos 186.000 euros
Xesús Vázquez Abad reafirmou o compromiso que mantén o departamento que dirixe coa comunidade educativa da localidade pontevedresa
Xov, 04/08/2011 - 14:28
Ampliación e reforma do CEP Antonio Magariños de Cambados
O conselleiro de Educación anuncia a inminente adxudicación do proxecto para a ampliación e reforma do CEP Antonio Magariños de Cambados

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, reafirmou hoxe en Cambados o compromiso do departamento que dirixe coa comunidade educativa do municipio, ao anunciar a adxudicación nos próximos días do proxecto de rehabilitación e ampliación do CEP Antonio Magariños Pastoriza. Tal e como explicou o conselleiro, o investimento total nas melloras deste centro superará os 386.000 euros. Na primeira fase, que será adxudicada nos vindeiros días, a Consellería de Educación investirá máis de 186.000 euros cos que se dotará ao centro dun comedor e se realizarán traballos de ampliación na biblioteca e de reforma nas aulas. En vindeiras fases realizaranse reformas na pista cuberta e no patio de xogos deste CEP, unhas melloras que implicarían un investimento superior aos 200.000 euros.

Vázquez Abad achegouse a esta localidade pontevedresa co gallo da Festa do Albariño, acompañado e polo delegado da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís. Neste marco, o conselleiro recordou o compromiso formulado aos cambadeses o pasado verán, cando presentou ao alcalde, Luis Aragunde, o anteproxecto de melloras no CEP Antonio Magariños.

Segundo explicou o conselleiro, o departamento educativo da Xunta de Galicia xa destino máis de 9.600 euros dos 186.000 previstos para a primeira fase da obra á redacción do proxecto de reforma e ampliación, que beneficiará aos 258 alumnas alumnos do centro. Nunha primeira fase, que se adxudicará nos próximos días, dotarase ao centro dun comedor, tal e como viña demandando a comunidade educativa, e realizarase a ampliación da biblioteca e a reforma de aulas.

Ademais, Vázquez Abad lembrou que en marzo deste mesmo ano a Consellería recibiu as obras realizadas no CEIP San Tomé, do mesmo concello, grazas aos que se renovou a cuberta do centro.

O proxecto

Nesta primeira fase, as actuación previstas nas instalacións do CEP Antonio Magariños darán resposta a unha das principais demandas da súa comunidade educativa, dotando ao centro do comedor que viña solicitando. Ademais, e xunto a este espazo, ampliarase a biblioteca para mellorar a súa funcionalidade, colocando xunto a ela unha aula polivalente e un lucernario para o mellor aproveitamento da luz natural. Ademais dotarase a aula polivalente dun acceso directo ao exterior para dotar á mesma de maior flexibilidade de cara á súa utilización, cumprindo tamén unha petición da comunidade educativa do centro.

Por outra banda, tamén nesta primeira fase, levarase a cabo unha reestruturación dos espazos de 4 aulas de primaria para conseguir espazos máis axeitados ao seu uso.

En vindeiras fases, actuarase sobre a pista cuberta, o patio de xogos e as aulas de primaria.  Así, o patio do colexio, onde se atopan as zonas de recreo do alumnado, será dotado dun novo firme acorde co seu uso, un pavimento de formigón coloreado que aporta condicións de fácil mantemento, limpeza, illamento térmico e mellor tracción, o que constituirá unha mellora substancial e axustada ás actividades ao aire libre que os alumnos realizan neste espazo.

Por outra parte levarase a cabo a remodelación da pista cuberta, á que se engadirá protección lateral, illando a pista e optimizando o espazo para o desenvolvemento de actividades no interior da mesma sen importar as condicións meteorolóxicas exteriores.                              

Entre as melloras previstas nos espazos deportivos e de ocio está previsto dotar de aseos a pista cuberta, e rehabilitar o espazo destinado aos utensilios destinados a realizar actividades deportivas. Ademais, o proxecto contempla, no exterior do centro, traballos de saneamento dos canlóns de evacuación de augas, e a construción dunha galería perimetral, a modo de porche, que permita o acceso pechado desde o colexio á pista cuberta. Por último, tamén se contempla a posibilidade de engadir outro porche cuberto de entrada no acceso secundario do centro, onde se remodelarán as escaleiras e ramplas de acceso.

Con este proxecto a Consellería continúa co seu compromiso de mellora do sistema educativo galego. Mellorando as condicións de accesibilidade e infraestrutura xeral do CEP Antonio Magariños Pastoriza de Cambados, o profesorado e os alumnos do centro poderán afrontar o vindeiro curso nas mellores condicións.

Melloras noutros centros

Na súa visita a Cambados, Xesús Vázquez Abad lembrou ademais que a Consellería de Educación ten un contacto constante cos centros educativos do concello, para coñecer as súas necesidades e velar polo mantemento das súas instalacións nas mellores condicións. Neste sentido, sinalou que a Consellería investiu máis de 356.000 euros en diversas obras de mellora nos colexios e institutos da localidade, que benefician aos seus 2.459 estudantes.

Así destacou, ademais dos traballos realizados no CEIP San Tomé, as melloras nas cubertas e falsos teitos nos IES Francisco Asorey e Ramón Cabanillas, por un importe superior aos 24.000 euros en cada un dos institutos. ademais, realizáronse diversos traballos na Escola de Educación Infantil Pastora, e nos CEIP de Castrelo, de Corvillón e no CEIP Enrique Barreiro Piñeiro.

Menús News node R