A conselleira de Educación, os reitores e a ACSUG reúnense para coordinar a acción universitaria durante a suspensión das clases

Mar, 24/03/2020 - 16:38

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e os reitores das tres universidades galegas, Antonio López (USC), Manuel Reigosa (Uvigo) e Julio Abalde (UDC) reuníronse esta mañá por videoconferencia para coordinar as actuacións en materia universitaria durante o período de suspensión das clases.

Entre outros asuntos abordouse a necesidade de estudar polo miúdo as posibilidades para a realización das prácticas dos estudos de grao e máster, así como o desenvolvemento e seguimento das clases no ensino universitario, cuestión que as universidades están a abordar desde a súa propia autonomía.

A conselleira aproveitou o encontro para agradecerlles aos reitores o compromiso das universidades para colaborar na loita contra o COVID-19, tanto no referido á actividade investigadora como á posta a disposición de material e persoal.

Por outra banda, a conselleira informou de que mañá está convocada a unha videoconferencia coa ministra de Educación, Isabel Celaá, e cos responsables dos departamentos de Educación do resto das Comunidades Autónomas, xuntanza na que espera que se aborden cuestións como a celebración da ABAU.

Así mesmo acordouse manter contactos semanais con representantes das universidades. O obxectivo é facer un seguimento da situación e tomar as decisións oportunas para adaptarse ás circunstancias cambiantes, así como avanzar en cuestións que permitan, no seu momento, retomar a actividade universitaria con normalidade.