Educación traballa co Ministerio para asegurar o remate do curso e a continuidade dos itinerarios formativos ao alumnado de formación profesional

O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, participou esta mañá nunha reunión por videoconferencia coa secretaria general de Formación Profesional do Ministerio, Clara Sanz, e os seus homólogos das outras Comunidades Autónomas
Mar, 24/03/2020 - 14:36

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e o Ministerio de Educación y Formación Profesional, xunto co resto das Comunidades Autónomas, están a traballar de xeito conxunto e coordinado co obxectivo de asegurar tanto o remate do curso como a continuidade dos itinerarios formativos a todo o alumnado de FP (isto é, que os de grao Medio poidan acceder a grao Superior e os de Superior á Universidade).

Este foi o eixe de debate da reunión de traballo de hoxe por videoconferencia entre a secretaria general de Formación Profesional do Ministerio de Educación y FP, Clara Sanz,  e os representantes de todas as CCAA, e na que por parte de Galicia interveu o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.

Na xuntanza houbo un consenso en canto á necesidade de habilitar os mecanismos necesarios para garantir a finalización do curso a todo o alumnado de FP en xeral e, sobre todo, no que atinxe aos que cursan a modalidade de FP Dual ou a FCT (Formación en Centros de Traballo).

No que atinxe á FCT (que consta dun módulo de formación en empresa e outro de proxecto supervisado polo centro), a proposta é que, sempre que sexa posible, se realice nos centros de traballo o mínimo de horas establecido pola normativa para cada caso, segundo se trate de grao medio, de grao superior ou de FP Básica.

De non ser posible completar as horas en empresa debido ás circunstancias actuais de Estado de Alarma, a opción que se baralla é que esas horas queden compensadas a través do proxecto. É dicir, favorecer a integración dos dous módulos (empresa e proxecto) nun único, de xeito que as horas que non se poidan executar en presencial en empresa se compensen coas de proxecto, no caso dos ciclos de grao superior. Para ciclos de grao medio e FP Básica, que non teñen módulo de proxecto, acordouse artellar fórmulas análogas.

En todo caso, o Ministerio de Educación comprometeuse coas Comunidades Autónomas a remitirlles as medidas a compensar nesta modalidade de Formación Profesional co fin de elevar un documento normativo consensuado ao Consello de Ministros, que é o órgano competente para aprobar dita regulación.

Respecto á modalidade de FP Dual, debido á grande variedade que existe nesta modalidade de formación segundo a comunidade autónoma de que se trate, o Ministerio comprometeuse a elaborar un documento xeral no que se recollan todas as casuísticas, aínda que sempre mantendo a premisa de garantir o remate do curso escolar para todo o alumnado.

No caso concreto de Galicia, a Consellería de Educación vai facer un seguimento individualizado destas ensinanzas xa que, por exemplo, nos ciclos ordinarios, hai grupos que xa remataron a formación en centros e outros estana facendo con normalidade, posto que o seu sector non está afectado pola declaración de Estado de Alarma. No caso do alumnado que veu interrompida a súa formación de prácticas en empresas, a Consellería tamén vai garantir o remate do curso escolar a través de mecanismos que se irán perfilando e que poden ser, segundo os casos, aplicar os mesmos mecanismos que para os FCT, ou ben permitir a incorporación á empresa unha vez que deixe de estar en vigor o decreto, e con reforzo académico se fose o caso.

Por outra banda, tamén se abordou o tema das probas de acceso a grao medio e superior, unha cuestión que en Galicia non afecta nestes momentos posto que o proceso de inscrición xa estaba rematado e pechado. Polo tanto, a Consellería ten capacidade e dispoñibilidade para organizar con normalidade as probas unha vez que se levanten as restricións actuais.