Carmen Pomar salienta a importancia da colaboración entre empresas e sistema educativo para a calidade da FP

A conselleira de Educación participou na Xornada de Portas Abertas ás Empresas organizada polo CIFP Someso co gallo do seu 60º aniversario
Destacou a alta inserción laboral destas ensinanzas, froito da confianza que o tecido empresarial galego ten nelas
Mér, 11/03/2020 - 13:04

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na Xornada de Portas Abertas ás Empresas organizada polo CIFP Someso co gallo do seu 60 aniversario, onde salientou a importancia da colaboración entre as empresas e o sistema educativo para a calidade das ensinanzas da Formación Profesional, “que sustenta o seu éxito na confianza e no compromiso do tecido empresarial galego”.

Neste sentido a conselleira explicou que a oferta de ciclos formativos en Galicia está estreitamente vinculada coas demandas dos sectores produtivos da nosa comunidade e coa propia evolución da sociedade. “Por iso pode encargarse das demandas de cualificación media e superior na empresa, o que a dota dunha versatilidade moi valorada polos empregadores”, e o que se reflicte tamén nos altos niveis de inserción laboral destas ensinanzas. “A FP caracterízase pola súa calidade, dinamismo, innovación, empregabilidade e un amplo abano de posibilidades para a recualificación profesional e a formación ao longo da vida”, dixo.

Carmen Pomar lembrou que estas ensinanzas proporcionan, ademais, “unha oportunidade única para o crecemento do noso tecido socioeconómico, con profesionais da máis alta cualificación, preparados para dar resposta ás necesidades das empresas”. Neste sentido felicitou ao CIFP Someso por organizar esta xornada, “unha ocasión única para achegar dúas realidades que queremos que estean en permanente contacto, a da formación e a laboral.

A titular do departamento educativo da Xunta quixo tamén dar os parabéns ao CIFP Someso polo seu 60º aniversario e por ser “unha boa proba da calidade e do talento presentes na formación profesional galega”. “A comunidade educativa deste centro –indicou– representa o esforzo e o compromiso precisos para facer posible unha mellora continua no proceso ensino-aprendizaxe, orientado ao desenvolvemento integral do voso alumnado,  contribuíndo a converter a formación profesional nunha porta aberta ao emprego”.

Novas posibilidades de formación

Na xornada celebrada hoxe daranse a coñecer as diferentes experiencias e posibilidades para formar os estudantes de FP de forma transversal entre a empresa e o sistema educativo. Neste aspecto teranse en conta as necesidades tecnolóxicas en constante evolución que precisan novas posibilidades de formación específica e colaboración nos procesos formativos e produtivos das empresas.

Tras os relatorios, que serán impartidos principalmente por docentes do CIFP Someso, os asistentes poderán intercambiar información e realizarán unha visita ao centro para coñecer as súas instalacións e recursos, conducidos polo director, Juan Carlos González Purriños.

Na Xornada participan docentes, alumnado, empresariado, asociacións empresariais, e persoas directoras e orientadoras de IES.

Ampla oferta

O CIFP Someso ofertou este curso máis dunha trintena de ciclos formativos, tanto no réxime ordinario como no modular para adultos –presencial e a distancia– en todos os niveis (FP básica, grao medio e grao superior). O centro está especializado nas familias profesionais de Edificación e obra civil, Fabricación mecánica, Transporte e mantemento de vehículos, Imaxe persoal e de Madeira, moble e cortiza.

Ademais o CIFP sumou este curso á súa oferta catro proxectos de FP Dual, en concreto nos ciclos de grao medio de Soldadura e caldeiraría e de Electromecánica de vehículos automóbiles, e nos de grao superior de Proxectos de edificación e de Estética integral e benestar.