Carmen Pomar destaca o papel da escola na consecución da igualdade

A conselleira de Educación participou na presentación do proxecto Referentes Galegas
A Xunta colaborou no desenvolvemento do programa ‘EduReferentes’, para levar a experiencia das mulleres líderes nos seus ámbitos profesionais aos centros educativos
Ven, 28/02/2020 - 18:33

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe no acto de presentación de Referentes Galegas, un proxecto impulsado pola Asociación Executivas de Galicia co obxectivo de darlles visibilidade ás mulleres galegas que son líderes nos seus respectivos sectores. En colaboración coa Xunta de Galicia, esta entidade desenvolveu o pasado curso a iniciativa piloto EduReferentes, a través do que diversas profesionais visitaron 5 centros educativos para dar a coñecer a súa experiencia ao alumnado. No acto participaron tamén a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca.

Na súa intervención Carmen Pomar destacou a importancia da escola na consecución da igualdade. Neste sentido explicou que os centros galegos poden ofertar dúas materias de libre configuración autonómica – Igualdade de xénero e Coeducación para o s XXI– arredor deste asunto. Ademais, a oferta formativa de FP conta co ciclo superior Promoción de igualdade de xénero. Por outra banda, e en colaboración con outras entidades, desenvólvense “numerosos proxectos transversais que analizan os factores sociais que producen desigualdade de xénero e axudan a corrixilos”, como, por exemplo, o I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020.

A conselleira de Educación destacou a igualdade como “a única opción para lograr o avance socioeconómico e cultural de Galicia” e puxo en valor proxectos como Referentes Galegas, que axudan a “que as mulleres nos sintamos apoiadas por outras mulleres e que nos unamos nun esforzo común”.

Pola súa parte, a secretaria xeral da Igualdade sinalou a importancia de apoiar o liderado feminino e impulsar a presenza das mulleres nos espazos de decisión, incluíndo postos de responsabilidade. Deste xeito, aposta por fomentar a participación das mulleres en todas as esferas da sociedade para acadar a igualdade real entre mulleres e homes e contribuír así a que as novas xeracións tomen conciencia da importancia do talento feminino como vía para camiñar cara a unha sociedade xusta e igualitaria.

Referentes Galegas busca crear unha base de datos pública para medios de comunicación, organismos ou entidades que requiran da colaboración ou información dunha profesional. Deste xeito procúrase a paridade na presenza pública e mediática de mulleres líderes nos seus distintos ámbitos (música, medicina, universidade, empresa...).

Máis de 250 alumnas e alumnos de 3º e 4º de ESO de 5 centros galegos puideron coñecer o pasado curso a experiencia dalgunhas destas mulleres a través de EduReferentes, unha iniciativa que contribúe tamén ao descubrimento por parte do alumnado de novos ámbitos profesionais, á mellora das habilidades sociais e comunicativas e ao empoderamento das alumnas.

Os centros participantes na primeira edición da iniciativa foron os IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), Antonio Fraguas (Santiago de Compostela), Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis), Luis Seoane (Pontevedra) e Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña).