A conselleira de Educación destaca a biblioteca do CEIP Canosa-Rus (Coristanco) como un referente

A conselleira de Educación destaca a biblioteca do CEIP Canosa-Rus (Coristanco) como un referente

O colexio forma parte, entre outros programas do ámbito das bibliotecas escolares, do proxecto Bibliotecas LÍA.2

O centro acadou en 2018 un premio no Concurso Nacional de Boas Prácticas por un proxecto desenvolvido desde a biblioteca escolar

Mar, 18/02/2020 - 13:20
A conselleira de Educación destaca a biblioteca do CEIP Canosa-Rus (Coristanco) como un referente

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, destacou hoxe a biblioteca do CEIP Canosa- Rus (Coristanco) como un referente e un exemplo do traballo que pode desenvolver unha pequena comunidade educativa do rural. De feito, a gran actividade que desenvolven neste eido fixo que fose un dos centros escollidos para participar no proxecto Bibliotecas LÍA.2, posto en marcha co fin de explorar as posibilidades de evolución da biblioteca escolar no marco dun dos desafíos do Plan LÍA, o de configurar as bibliotecas escolares como laboratorios creativos de aprendizaxe, espazos para a exploración, a experimentación, a creatividade, o traballo colaborativo e a construción compartida de coñecemento.

Segundo explicou a conselleira, todas as bibliotecas participantes nesta iniciativa están integradas no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE)  e contan cunha boa traxectoria neste programa e con equipos moi comprometidos neste sentido. Trátase de centros, ademais, que impulsan desde a súa biblioteca metodoloxías activas e traballos por proxectos. De feito estas bibliotecas escolares destacan por estimular un cambio metodolóxico no conxunto do centro ao incentivar o uso da mesma como espazo de traballo colaborativo ao servizo de todas as materias e de toda a comunidade escolar.

Ao abeiro de Bibliotecas LÍA.2 os centros reciben apoio para reforzar o traballo que xa están desenvolvendo, así como para modificar os espazos da biblioteca e ampliar os seus equipamentos e recursos. O programa céntrase especialmente en centros coma o Canosa-Rus, do ámbito rural.

Entre outras iniciativas en materia de bibliotecas escolares o CEIP Canosa-Rus participa no programa Biblioteca Creativa, que ten como obxectivo estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe da programación; e en Radio na Biblio (desde a primeira convocatoria, no curso 2017/18), programa a través do que os centros crean laboratorios de radio vinculados á biblioteca escolar que favorecen a formación do alumnado en materia de comunicación e de medios de información, a expresión oral e escrita, a creación, a investigación e o traballo en equipo

Carmen Pomar felicitou ao equipo directivo, docente e de biblioteca do centro por este traballo e recordou que as bibliotecas escolares son o corazón dos centros educativos, desde o que se impulsa o cambio metodolóxico e a través do que se está a conseguir tamén a implicación do conxunto da comunidade escolar mediante programas  como as Mochilas Viaxeiras –materiais diversos da biblioteca escolar que van en préstamo aos fogares–  e outras propostas que fomentan a participación das familias nas actividades educativas.

PDI Lendario

A conselleira recordou, ademais, que este centro recibiu en 2018 un dos premios do Concurso Nacional de Boas Prácticas convocado polo Ministerio de Educación na categoría de Desenvolvemento de Competencias de Lectoescritura , Audiovisuais e Alfabetizacións Múltiples, co proxecto PDI Lendario, desenvolvido desde a biblioteca escolar coa implicación de toda a comunidade educativa.

O proxecto estaba centrado no coñecemento de textos sobre mitos, lendas e contos de diferentes partes do mundo, a través do que puideron afondar na súa orixe e no léxico mitolóxico, así como aprender a valorar e respectar o pasado histórico propio e alleo. A actividade favoreceu o traballo colaborativo na elaboración dos diferentes tipos de materiais (exposicións, carteis...) e fomentou a lectura de diferentes textos e soportes para a obtención de información.

Visita á Laracha

A conselleira aproveitou a súa visita á zona para achegarse ao CEIP Otero Pedrayo (A Laracha), onde se interesou pola participación do centro no Plan Proxecta, en concreto nos programas Centros Activos e Saudables, de fomento destes hábitos; e Nós tamén creamos!, de promoción da lingua galega a través da creatividade e a incorporación das TIC nas aulas, mediante a creación de curtametraxes en galego.