A Xunta convoca as axudas para financiar a actividade investigadora dos grupos de referencia máis competitivos do sistema de I+D+i galego

A convocatoria vai dirixida ás tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación en Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e do IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia

Con cargo a esta liña conxunta da Consellería de Educación e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, dotada con 14,92 millóns de euros, apóiase o funcionamento dos Grupos de Referencia Competitiva (Modalidade A), os Grupos de Potencial Crecemento (Modalidade B) e os Proxectos de Persoal Investigador con traxectoria excelente (Modalidade C)

Lun, 17/02/2020 - 17:38

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), vén de abrir o prazo de solicitude de axudas para os grupos de referencia máis competitivos da I+D+i galega para o período 2020-2024, cun orzamento total de 14,92 millóns de euros, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia

A convocatoria -cuxo  prazo de solicitudes estará aberto ata o 17 de marzo- vai dirixida ás tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación en Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e do IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia.

Este ano, ademais do apoio a Grupos de Referencia Competitiva (Modalidade A) e Grupos de Potencial Crecemento (Modalidade B), introdúcese unha terceira modalidade, para o financiamento de Proxectos de Persoal Investigador con traxectoria excelente (Modalidade C). Ademais, mantense o criterio de ter en consideración o liderado das mulleres nas propostas presentadas, co fin de contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no sistema galego de I+D+i.

O obxectivo desta liña de axudas é asegurar un financiamento estrutural e continuado, condicionado a criterios de calidade, que garanta un financiamento basal dos grupos científicos máis excelentes do sistema galego de I+D que lles permita desenvolver o seu labor de xeito estable e cunha liberdade de acción suficiente para reorientalo de ser o caso.

Grupos de Referencia Competitiva     

Esta modalidade A está dirixida aos Grupos de Referencia Competitiva, caracterizados por bos índices de publicacións científicas, un nivel de captación de recursos elevado e competitivos a nivel estatal e en moitos casos internacional.

As axudas terán unha duración máxima de catro anos. O importe total de cada unha das axudas virá determinado por unha contía estrutural máis outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo como un indicador xenérico da súa competencia e capacidade de consolidación, e distribuirase por anualidades de acordo a un módulo fixo anual e outro variable. A esta modalidade destínanse 8.120.000 euros.

Grupos de Potencial Crecemento

A modalidade B está dirixida a Grupos de Potencial Crecemento que, sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores, teñen calidade investigadora, constatable con criterios estritos, e que están na senda que os leve a ser grupos de referencia.

As axudas serán de aplicación por un período de 3 anualidades, mediante o pagamento dunha contía máxima de 20.000 € na primeira e de 35.000 € na segunda e terceira. A contía total que se mobiliza nesta modalidade ascende a 5.130.000 euros.

Proxectos de excelencia

A modalidade (C) está destinada ao financiamento de proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. Isto é, axudas para a realización de proxectos de investigación a investigadoras ou investigadores individuais que, contando cunha traxectoria excelente consolidada ou en formación, teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto, fundamentalmente nos ámbitos nacional e internacional. Trátase de reforzar o labor dos científicos máis activos do sistema como os que obtiveron unha axuda Starting Grant do ERC (European Research Council), do Programa Ramón y Cajal e do Miguel Servert, os máis prestixiosos de Europa e de España respectivamente.

Dentro desta modalidade, en función das características dos investigadores, hai unha liña de reforzo da traxectoria investigadora consolidada e outra liña de reforzo de traxectorias emerxentes, ás que se destina un total de 1.670.000 euros nesta convocatoria.

No caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora consolidada, as axudas serán de aplicación por un período de 4 anualidades, mediante o pagamento anual á institución á que pertenza a persoa que lidere o proxecto dunha contía máxima anual de 50.000 euros.

No caso dos proxectos da liña de traxectoria investigadora emerxente, as axudas serán de aplicación por un período de 5 anualidades e unha contía máxima anual de 15.000 euros para o ano 2020 e de 25.000 € para os anos 2021, 2022, 2023 e 2024.

Conceptos subvencionables

As axudas das tres modalidades poderán destinarse ao custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación, ferramentas de xestión do coñecemento e a información (aplicacións informáticas, bases de datos, etc), pequeno equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico, cotas de coloquios e congresos e adhesión a sociedades científicas; e formación do persoal do grupo relacionada coa actividade obxecto da axuda mediante estadías curtas, así como a viaxes e axudas de custo de membros do grupo para a actividade obxecto da axuda.

A contratación de investigadores visitantes, a organización de actividades de difusión, a publicación dos resultados da investigación en aberto (sempre e cando sexan como consecuencia da actividade do grupo), a  consultaría e asesoramento externo,  os gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría e os custos indirectos tamén serán conceptos subvencionables.