Carmen Pomar conmemora co alumnado do IES Arcebispo Xelmírez I o Día da Muller e a nena na ciencia

A conselleira de Educación visitou esta mañá o centro compostelán, onde se reuniu coas gañadoras do premio Stephen Hawking
A conselleira destaca que é necesario fomentar as vocacións STEM entre as rapazas
Hoxe en día hai máis rapazas que cursan STEMBach que rapaces, en concreto o 52%
Mar, 11/02/2020 - 12:33

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, conmemorou o Día da muller e a nena na ciencia xunto co alumnado do IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela). Na visita ao centro, a titular do departamento educativo da Xunta reuniuse coas alumnas gañadoras do premio Stephen Hawking, galardón a investigadores mozos concedido o pasado venres polo IES Rosalía de Castro.

A conselleira asistiu tamén xunto co alumnado de 1º da ESO á conferencia da investigadora Carmen Mariño, antiga alumna deste centro compostelán, graduada en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais cun máster en Enxeñaría Industrial. Actualmente traballa como investigadora a cargo dun proxecto Europeo (Proxecto Safeway).

Carmen Pomar salientou que é necesario promover a vocación do alumnado, en especial das mulleres, cara á investigación científica e tecnolóxica. Para iso, os centros dispoñen no marco da Estratexia Galega para a Educación Dixital, Edudixital 2020, de diferentes programas como o Club de Ciencia, no que participa o IES Arcebispo Xelmírez I; ou o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach), unha modalidade que xa se imparte en 31 institutos e que conta hoxe en día con máis rapazas que rapaces matriculados, un 52% en concreto.

Cómpre sinalar tamén que varias das  actividades da Estratexia –Semana STEM ou STEMWeek, por exemplo– promoven de xeito específico a participación das alumnas, co fin de favorecer o seu interese por estas competencias matemáticas, científicas e tecnolóxicas, contribuíndo a incrementar no futuro o peso das mulleres nestas áreas, así como a igualdade.

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu proclamar en 2016 o 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, co fin de acadar o acceso e a participación plena e equitativa neste eido, ademais de para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento de mulleres e nenas.

Un centro moi activo

Ademais do Club de Ciencia, o IES Arcebispo Xelmírez I desenvolve iniciativas como o de Club de Lectura e forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). Ademais, este ano desenvolve tres liñas dos contratos-programa, en concreto CON-VIVE, INCLÚE-T e Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.

O centro comeza tamén neste curso a participar no programa de enriquecemento escolar SEMGal, en concreto está na fase de achegamento.