A Xunta reafirma o seu apoio á investigación universitaria na presentación dos resultados do Proxecto Pan-Cancer liderado polo CIMUS

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, destacou o esforzo e tesón do equipo do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC, capitaneado polo científico José María Castro Tubío
Trátase do proxecto de investigación en xenómica do cancro máis importante do mundo, no que se descubre un relevante mecanismo de mutación nesta enfermidade
O CIMUS vén de obter 2,8 millóns de euros de financiamento por parte da Consellería de Educación
Xov, 06/02/2020 - 21:47

A Xunta de Galicia reafirma o seu apoio á investigación universitaria e o reforzo dunhas estruturas de investigación sólidas e competitivas no eido nacional e internacional. Así o puxeron de manifesto hoxe a conselleira de Educación, Universidades e Formación Profesional, Carmen Pomar; e a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, no acto de presentación dos resultados do Proxecto Pan-Cancer liderado por un equipo de investigadores do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da USC, capitaneados polo científico José Tubío.

Este equipo de investigadores do CIMUS co-lidera, xunto con 700 investigadores de distintos países ao longo de 7 anos, o proxecto de investigación en xenómica do cancro máis importante do mundo, co descubrimento dun relevante mecanismo de mutación desta enfermidade, e cuxos resultados se publican nas prestixiosas revistas Natura e Nature Genetics.

A conselleira Carmen Pomar expresou o seu agradecemento a este equipo de científicos “en nome do Goberno galego e do conxunto da sociedade”, xa que todos os avances que se realicen neste ámbito supoñen “abrir moitas portas e moitas esperanzas” para os cidadáns. 

Así mesmo subliñou o importante esforzo que está a realizar a Administración autonómica no apoio á carreira investigadora (nas etapas predoutoral, posdoutoral e de investigadores de recoñecida traxectoria) e á creación de estruturas de investigación sólidas e competitivas como é o caso do CIMUS, un dos 8 centros de investigación punteiros que existen en Galicia e nos que a Consellería de Educación vén de inxectar 18 millóns de euros.

En concreto, nesta última convocatoria para centros de investigación o CIMUS dispón de 960.000 euros no presente ano, contía que acadará en total case os 2,8 millóns de euros ao cabo de tres anos, en 2022.

Por outra banda, o investigador principal do proxecto, José Manuel Castro Tubío, foi beneficiario de dúas axudas para a contratación de persoal investigador da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia nas etapas predoutoral e posdoutoral para desenvolver a súa investigación na Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS). Ademais, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), colabora no proxecto Pan-Cancer ofrecendo servizos de cálculo e almacenamento de datos. O CESGA ten unha grande experiencia traballando con inxentes volumes de datos, entre outros no campo da secuenciación xenómica, e presta servizo diariamente a máis de 600 investigadores.