Carmen Pomar sinala iniciativas como a Escudería UVigo Motorsports como exemplo da calidade do Sistema Universitario de Galicia

Ven, 24/01/2020 - 15:55

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, coñeceu esta mañá en primeira persoa o proxecto de novo monopraza que están desenvolvendo os universitarios da Escudería UVigo Motorsport. A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou esta iniciativa como un exemplo da calidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e das ensinanzas que nel se imparten; e lembrou que a Xunta de Galicia está a facer unha aposta firme cara unha universidade especializada e de calidade, que funcione como polo de dinamización socioeconómica do noso país.

Neste sentido cómpre impulsar os Centros de Investigación, axentes punteiros nesta materia. Precisamente a Consellería vén de destinar preto de 5 M€ aos tres centros de investigación da UVigo, en concreto o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (AtlanTIC), o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio), e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM).