Carmen Pomar anuncia a licitación da reforma dos talleres de FP do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada) para este ano 2020

A conselleira de Educación participou na apertura da I Mostra de Orientación Educativa e Profesional deste concello pontevedrés
O proxecto está xa en fase de redacción
Lun, 13/01/2020 - 11:12

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar anunciou hoxe que o seu departamento ten previsto licitar dentro deste ano 2020, probablemente na segunda metade do mesmo, a obra de reforma dos talleres de Formación Profesional do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez.  Fíxoo na apertura da I Mostra de Orientación Educativa e Profesional do Concello da Estrada, na que participou esta mañá, e que se desenvolverá os días 13, 14 e 15 de xaneiro nesta localidade pontevedresa.

Segundo explicou a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, a actuación está en fase de redacción de proxecto e as obras poderían comezar xa a finais de ano. Prevese que o orzamento supere os 250.000 euros, en función do programa de necesidades.

En base ás previsións iniciais, as obras consistirían na remodelación total do edificio de talleres que alberga o ciclo de grao básico de Mantemento de vehículos e medio de Electromecánica de vehículos automóbiles, titulacións cunha alta demanda. Así mesmo incluiría unha reforma integral dos aseos e vestiarios masculinos, así como a instalación de vestiarios femininos.

A I Mostra de Orientación Educativa e Profesional do Concello da Estrada ten como obxectivo amosar aos estudantes da localidade a oferta de ensino dos centros do municipio, así como outras opcións a nivel universitario, das Forzas Armadas e do Centro Superior de Hostelería de Galicia. Para isto haberá obradoiros impartidos no posto do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez arredor da Formación Profesional, así como charlas sobre as súas posibles saídas. Ademais ofreceranse relatorios sobre orientación universitaria e información sobre a oferta de ocio á xuventude. Así mesmo, o IES de Mugardos impartirá un obradoiro de Agroxardinería.