Educación licita as obras de mellora da eficiencia enerxética dos CEIPs Padre Feijoo (Allariz) e Curros Enríquez (Celanova)

O departamento educativo da Xunta de Galicia destina máis de 1 millón de euros a estas actuacións
Ven, 10/01/2020 - 10:45

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar na plataforma Contratos de Galicia as licitacións das rehabilitacións enerxéticas do CEIP Padre Feijoo (Allariz) e do CEIP Plurilingüe Curros Enríquez (Celanova), por un importe total de máis de 1 millón de euros.

No CEIP Padre Feijoo, cun importe de licitación de 522.432,50 €, colocarase illamento de fachada polo exterior mediante sistema SATE, mudaranse as actuais fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e substituiranse as persianas por outras con illante térmico interior. Así mesmo o confort térmico verase mellorado grazas á colocación de illante sobre o forxado baixo cuberta nos espazos que conten con forxado e formigón e de illante sobre falso teito nos que non conten con falso teito modular.

Por outra parte substituiranse as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación e detectores de movemento.

A actuación neste centro contempla tamén o cambio da actual cuberta por outra de  panel sandwich, a substitución de falsos teitos por un novo rexistrable modular nas estancias que non conten con el e a colocación de chaves de corte en instalación de fontanería e válvulas termostáticas na instalación de calefacción. Así mesmo repararanse e pintaranse os paramentos e carpintería interiores, pulirase o pavimento de terrazo e cambiarase o de corcho ou vinilo deteriorado existente nalgunhas aulas por pavimento laminado AC5. Ademais, remodelarase a entrada principal norte.

CEIP Curros Enríquez

No caso do CEIP Plurilingüe Curros Enríquez, cun importe de licitación de 555.345,71 €, illarase a fachada polo exterior mediante sistema SATE e colocarase illamento térmico en baixo cuberta ou sobre falso teito, segundo zonas. Ademais instalaranse novas fiestras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e luminarias de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación e detectores de movemento.

As obras inclúen tamén a revisión, reparación e limpeza de cubertas; a instalación de falsos teitos nas zonas do colexio onde non están instalados, a cubrición de parte do patio norte; a cubrición e execución do cerramento exterior na parte do patio de infantil e a colocación dun pavimento continuo de formigón no patio norte e na parte do edificio de infantil na que se actúa. Así mesmo repararase e pintaranse os paramentos e carpintería interiores e abrillantarase o pavimento de terrazo.

Segundo as previsións que manexa a Consellería, o proceso de licitación e adxudicación de obras estará rematado antes do vindeiro xuño de 2020. Os traballos teñen un prazo de execución de 2,5 meses.

Esta é unha das 8 obras de rehabilitación enerxética que a Consellería de Educación ten previsto executar ao longo deste ano 2020 en diferentes concellos das catro provincias galegas e que están xa licitadas por un importe total de 5.630.183,89 euros.