A Consellería de Educación convoca o maior número de prazas para a acreditación de competencias profesionais

Haberá 11.700 prazas en unidades de competencia de 38 ciclos formativos diferentes
Sáb, 28/12/2019 - 12:09

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria do proceso de acreditación de competencias profesionais, adquiridas polas persoas no desenvolvemento do seu traballo ou por outras vías non formais de formación. Trátase dun total de 11.700 prazas, un 6% máis ca no 2018 e a oferta máis grande nesta convocatoria ata o momento,

A superación deste proceso permitirá a obtención da acreditación de unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais e as correspondentes equivalencias en módulos profesionais. Deste xeito contribúese a mellorar a inserción laboral das persoas, ademais de facilitarlles completar a formación para a obtención dun título de FP.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre 13 de xaneiro e o 7 de febreiro, ambos días incluídos. O proceso de acreditación desenvolverase, ao igual que noutras ocasións, nos centros integrados de formación profesional e estará dividido en tres fases: asesoramento, avaliación da competencia profesional e acreditación e rexistro da mesma. A información sobre o procedemento pode consultarse no Portal de FP.

Para acceder a este procedemento, as persoas candidatas deberán ter experiencia laboral ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar e non poderán estar matriculadas nun curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular) ou realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das devanditas unidades. Tampouco poderán posuír un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña as unidades que solicita, nin as súas equivalentes. Ademais, non poderán estar inscritas noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional nin en probas libres para a obtención dun título de FP.

Novidades da convocatoria

No referido ás novidades da convocatoria, en xeral, mantense unha oferta similar á do ano 2018, moi diversificada e que atende ás demandas dos sectores produtivos nas diferentes zonas xeográficas. En total convócanse prazas en 18 familias profesionais e 38 ciclos, dos que 5 –os reflectidos na seguinte táboa– son novos na oferta:

Familia
Ciclo
Agraria

Aproveitamento e conservación do medio natural

Comercio e márketing

Xestión de vendas e espazos comerciais

Imaxe persoal

Estética integral e benestar

Estilismo e dirección de peiteado

Imaxe e son

Animacións 3D, xogos e contornos interactivos

Cabe resaltar tamén a incorporación de novas unidades de competencia nalgúns ciclos e a reorganización da oferta nos distintos CIFP.

Máis de 91.000 prazas

O proceso enmárcase no compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coa recualificación e formación ao longo da vida, que lles permite ás persoas traballadoras ou en situación de desemprego enfrontarse ás esixencias do mercado laboral desde unha posición máis vantaxosa.

Este é o noveno ano consecutivo que a Consellería convoca este proceso, que foi medrando progresivamente das 3.200 prazas do ano 2011 ás 11.700 que se ofertan na convocatoria actual. Desde 2011, e contando coas actuais, lévanse convocado 91.170 prazas.

Cómpre salientar que na convocatoria de 2018 o 78% das persoas admitidas ao procedemento chegaron á fase de avaliación e o 93% das persoas avaliadas obtiveron a acreditación nalgunha unidade de competencia. En total certificáronse un total de 4174 unidades de competencia, que foron acreditadas por 1074 persoas.