A Consellería de Educación recoñece o labor de centros da Coruña, Sada, Fene, Burela, Chantada e Baiona cos premios ‘Desafíos Stem’

Cada un deles percibirá 2.000 euros
Os proxectos debían estar realizados cos equipamentos repartidos pola Consellería para dar cobertura aos coñecementos STEM
Ven, 27/12/2019 - 11:55

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de conceder a 6 centros educativo galegos os premios da terceira edición do certame Desafíos STEM: programación, robótica e impresión 3D, que ten como obxectivo recoñecer o traballo realizado nos centros cos materiais e a formación recibida nestes ámbitos.

A convocatoria establece dúas categorías, con tres desafíos cada unha delas (Desafío Robots, Desafío Programación ou Desafío Impresión 3D). O premio ascende a 2.000 euros para o equipo docente dos centros gañadores nos diferentes desafíos de cada categoría.

Na primeira categoría, STEM iniciación, para proxectos sinxelos realizados por alumnado de 1º, 2º, 3º da ESO, FP Básica ou Programa de Mellora da Aprendizaxe e Rendemento (PMAR), os centros galardoados son os seguintes:
 

Desafío
Centro premiado
Proxecto
Desafío Robots

IES Isaac Díaz Pardo (Sada)

Moble de reciclaxe

Desafío Programación

CPI A Xunqueira (Fene)

Os órganos dos sentidos

Desafío Impresión 3D

IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña)

Planos para tocar

Na segunda, STEM afondamento, para proxectos máis complexos de alumnado de 4º ESO, 1º ou 2º bacharelato, os centros gañadores son os seguintes:

Desafío
Centro premiado
Proxecto
Desafío Robots

IES Primeiro de Marzo (Baiona)

mClon robot

Desafío Programación

IES Val do Asma (Chantada)

Sistema de alarma

Desafío Impresión 3D

IES Monte Castelo (Burela)

Pezas de xadrez

O Desafío Robots consistiu nun proxecto no que nun escenario un ou varios robots realizan determinadas accións ou tarefas encamiñadas a darlle solución a unha situación que teña aplicación na realidade da vida diaria, da industria etc; mentres que o Programación tiña que xirar arredor dun proxecto tecnolóxico que dea solución a unha necesidade concreta onde se utilicen linguaxes de programación. Pola súa banda en Desafío Impresión 3D debían presentarse proxectos tecnolóxicos onde se utilice unha impresora 3D para o deseño e construción de todas ou parte das pezas da maqueta.

Todos os proxectos presentados debían estar elaborados enteiramente polo alumnado coa dotación que a Consellería realizou aos centros públicos de ensino non universitario dende o curso 2016/17, tales como equipamento de robótica educativa, placas de Comunicación e Programación e equipo de Impresión 3D.

Para empregalos, o alumnado conta cos coñecementos específicos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) presentes nas aulas galegas a través das distintas materias troncais, específicas e máis concretamente nas materias de libre configuración autonómica de Programación para a educación secundaria obrigatoria e Robótica para bacharelato.