O Consello Galego de Universidades informa favorablemente o anteproxecto de Lei de recoñecemento da Universidade Intercontinental de la Empresa

Na reunión deuse tamén luz verde á desadscrición do Centro Español de Nuevas Profesiones da Universidade da Coruña e á creación do ICRETUS
Tamén se aprobou a revogación da autorización de impartición de 22 títulos e informouse do envío a verificación, reverificación ou modificación de 27 titulacións
Lun, 09/12/2019 - 16:55
O Consello Galego de Universidades informa favorablemente o anteproxecto de Lei de recoñecemento da Universidade Intercontinental de la Empresa
O Consello Galego de Universidades informa favorablemente o anteproxecto de Lei de recoñecemento da Universidade Intercontinental de la Empresa

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu hoxe a reunión do Consello Galego de Universidades (CGU), na que se informou favorablemente o anteproxecto de Lei de recoñecemento da Universidad Intercontinental de la Empresa, promovida pola Fundación Galicia Obra Social-Afundación.

Así mesmo, na xuntanza emitiuse informe favorable á desadscrición do Centro Español de Nuevas Profesiones (CENP) da Universidade da Coruña, que modificará o actual grao de Turismo para impartilo nun centro propio a partir do vindeiro curso. Outras das cuestións abordadas foron a revogación da autorización de impartición de 22 titulacións e informar do envío a verificación, reverificación ou modificación de 27 titulacións, así como a creación do Instituto Universitario de Investigación Interdisciplinar de Tecnoloxías Ambientais (ICRETUS).

Cómpre sinalar que, no caso da Universidade Intercontinental de la Empresa, o trámite de informe do Consello Galego de Universidades, no que se analiza se o anteproxecto de lei se axusta aos requirimentos establecidos pola normativa galega e estatal, é preceptivo pero non vinculante. Trátase dun trámite máis marcado polo procedemento legal e, independentemente da decisión tomada, unha vez recompilados todos os informes preceptivos, a Consellería deberá someter o anteproxecto a aprobación do Consello da Xunta de Galicia para a súa posterior tramitación parlamentaria.

No caso de que o Parlamento de Galicia aprobe a lei de recoñecemento, será necesaria a tramitación dun decreto da Xunta de Galicia, para autorizar o inicio de actividades da nova universidade, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos legais esixidos pola normativa estatal e autonómica vixente, tal como establece o artigo 15 da Lei 6/2013, do Sistema universitario de Galicia.

Cómpre lembrar que as titulacións que oferte a nova entidade deberán someterse ao proceso de verificación previsto na normativa estatal e autonómica vixente en materia de titulacións.

Desadscrición

Tras a decisión da UDC de desadscribir a súa escola universitaria de Turismo do Centro Español de Nuevas Profesiones, a Consellería de Educación mediou entre as partes para acadar a mellor solución para o alumnado, salvagardando sempre os seus dereitos. As sucesivas xuntanzas tiveron como resultado a sinatura o pasado 3 de decembro dun acordo entre a Xunta, a UDC e o Centro Español de Nuevas Profesiones.

A través del, Universidade e Centro deixan sen acordo o convenio de adscrición de 2014 e a Xunta comprométese a tramitar a desascripción e autorizar a modificación do título de Grao en Turismo, que será impartido na Facultade de Filoloxía da UDC.

Cómpre sinalar que a tramitación do expediente de desadscrición deberá conter a proposta do Consello de Goberno da universidade, os informes favorables do Consello Social da universidade, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e do Consello Galego de Universidades (trámite que se adiantou hoxe e que foi informado favorablemente), e deberá ser aprobada por decreto Consello da Xunta e informada á Conferencia General de Política Universitaria.

Co fin de axilizar os trámites e que a UDC poida oferta esta titulación na devandita facultade a partir do curso 2020/21, a Consellería decidiu propoñerlle hoxe ao CGU a emisión do correspondente informe, condicionado á tramitación e aprobación do decreto de autorización de desadscrición no Consello da Xunta.

ICRETUS

Por outra banda o CGU informou favorablemente a creación do Instituto Universitario de Investigación Interdisciplinar de Tecnoloxía Ambientais (ICRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), dado que a documentación presentada relativa á solicitude de creación do mesmo reúne os requisitos exixidos na lexislación vixente para a súa toma en consideración.

Antes da aprobación da creación do Instituto, que se produciría por decreto do Consello da Xunta, debe darse traslado do expediente ao resto das entidades que deban pronunciarse ao respecto, isto é, o Consello de Goberno da Universidade e o seu Consello Social. Ademais, a USC deberá presentar a documentación acreditativa da excelencia científica, técnica o artística así como da conveniencia estratéxica para o desenvolvemento económico e social de Galicia, centros e institucións participantes e, no seu caso, as condicións da participación das administracións públicas e a expectativa de autofinanciamento.

Acordos de revogación

Por outra banda someteuse a informe do pleno do CGU (que foi favorable) a proposta de revogación da autorización de impartición de 22 titulacións, tras o consentimento de cada universidade. A revogación débese ás causas indicadas na Orde de 20 de marzo de 2012, en concreto non ofertar prazas, como mínimo, durante os dous últimos cursos académicos, non acadar o número mínimo de alumnos establecido, extinción do plan de estudos por autorización dun novo título, fusión de varias titulacións que dá lugar á autorización dun novo título, modificación substancial dun título existente ou decisión da propia universidade.

As titulacións revogadas son as que figuran na seguinte táboa:

 

Universidade da Coruña

Universidade de Santiago de Compostela

Universidade de Vigo

1.   Grao en Humanidades.

2.   Grao en Información e Documentación.

3.   Máster universitario en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Escolares e Socioeducativas.

4.   Máster universitario en Socioloxía Aplicada: Investigación Social e de Mercados.

5.   Máster universitario en Técnicas Estatísticas. Título conxunto coas universidades de Santiago e Vigo.

6.   Máster universitario en Xeoinformática. Título conxunto coas universidades de Santiago e Vigo

1.     Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio.

2.     Grao en Xestión de Pequenas e Medianas Empresas (PEMES).

3.     Máster universitario en Condicionantes Xenéticos, Nutricionais e Ambientais do Crecemento e o Desenvolvemento. Título conxunto coas universidades de Granada, Zaragoza, Cantabria e Rovira i Virgili.

4.     Máster universitario Erasmus Mundus en Encrucilladas en Narrativas Culturais (Crossways in Cultural Narratives), máster conxunto internacional coas universidades Nova (Lisboa), Bérgamo (Italia), Perpignan Vía Domitia (Francia), Guelph (Canadá), U. Sheffield (Reino Unido), St. Andrews (Reino Unido) e Adama Mickiewicza w Poznaniu (Polonia).

5.     Máster universitario en Investigación en Ciencias da Visión. Título conxunto coas universidades de Valladolid, Complutense, Murcia, Alcalá e Navarra.

6.     Máster universitario en Psicoloxía do Traballo e as Organizacións e Psicoloxía Xurídico-Forense e Intervención Social.

7.     Máster universitario en Técnicas Estatísticas. Título conxunto coas universidades de Coruña e Vigo. 

8.     Máster universitario en Xeoinformática. Título conxunto coas universidades de Coruña e Vigo. 

9.     Máster universitario en Xestión Sustentable da Terra e o Territorio. 

10.   Programa de doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural, conxunto coa UVigo.

1.     Máster universitario en Arte Contemporánea, Creación e Investigación.

2.     Máster universitario en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual.

3.     Máster universitario en Procesos de Deseño e Fabricación Mecánica.

4.     Máster universitario en Técnicas Estatísticas. Título conxunto coas universidades de Coruña e Santiago.

5.     Máster universitario en Xeoinformática. Título conxunto coas universidades de Coruña e Santiago.

6.     Programa de doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural. Título conxunto coa USC.

Envío a verificación

Así mesmo, informouse ao CGU sobre as peticións realizadas polas universidades de novos títulos de grao e máster, reverificacións e modificacións, das que neste momento están aprobadas as seguintes:
 

 

Universidade da Coruña

Universidade de Santiago de Compostela

Universidade de Vigo

1.     Novo Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía a impartir na Facultade de Ciencias no Campus da Coruña, que obtivo informe favorable condicionado

2.     Reverificación do Grao en Arquitectura Técnica, da Escola universitaria de Arquitectura Técnica no Campus da Coruña.

3.     Novo Máster universitario en Dereito Dixital e da Intelixencia Artificial a impartir na Facultade de Dereito no Campus da Coruña.

4.     Novo Máster universitario en Informática Industrial e Robótica a impartir na Escola Universitaria Politécnica no Campus de Ferrol, que obtivo informe favorable condicionado.

5.     Reverificación do Máster Universitario en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Escolares da Facultade de Ciencias da Educación no Campus de Coruña.

 

1.     Novo Grao en Bioquímica, a impartir na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo, que obtivo informe favorable condicionado.

2.     Novo Grao en Empresa e Tecnoloxía, a impartir na Facultade ADE do Campus de Lugo, con informe favorable condicionado.

3.     Reverificación do Grao en Bioloxía da Facultade de Bioloxía no Campus Santiago, con informe favorable condicionado.

4.     Novo Máster universitario en Nanociencia e Nanotecnoloxía, máster conxunto coa UVIGO, con informe favorable de envío a verificación.

5.     Novo Máster universitario en Planificación e Xestión Territorial, a impartir na Facultade de Xeografía e Historia, campus de Santiago e na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, campus de Lugo. Obtivo informe favorable condicionado de envío a verificación.

6.     Reverificación do Máster universitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, conxunto coas universidades da Coruña e Vigo e que obtivo informe favorable condicionado.

7.     Modificación do máster universitario en Dirección e Xestión Contable e Financeira

8.     Modificación do máster universitario Xenómica e Xenética

9.     Modificación do máster universitario Investigación Química e Química Industrial

10.   Modificación do programa de doutoramento en Epidemioloxía e Saúde Pública

11.   Modificación do programa de doutoramento en Medicina e Sanidade Veterinaria

1.     Modificación do Grao en Comunicación Audiovisual
2.     Modificación do Grao en Dirección e Xestión Pública
3.     Modificación do Grao en Enxeñaría da Enerxía

4.     Modificación do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos

5.     Modificación do Grao en Enxeñaría Informática
6.     Modificación do Grao en Fisioterapia

7.     Novo Máster universitario en Dirección e Innovación da Supply Chain a impartir na Escola de Enxeñaría Industrial do Campus de Vigo, que obtivo informe favorable condicionado.

8.     Novo Master Universitario en Enxeñaría Aeronáutica a impartir na Escola e Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. Neste caso a Secretaría Xeral de Universidades emitiu informe favorable condicionado á existencia dun único título interuniversitario (liderado e coordinado pola UVIGO e coa participación da UDC), cun plan de estudos de 120 créditos ECTS e prácticas externas obrigatorias.

9.     Modificación do Máster en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde

10.   Modificación do Máster Enxeñaría da Automoción

11.   Modificación do Máster Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural

Cómpre lembrar que as universidades, unha vez recibidos os informes previos de envío a verificación/modificación, e cuxo sentido sexa favorable, teñen a obriga de enviar as súas propostas á aplicación do Ministerio para que a ACSUG, a través das comisións de valoración correspondentes, proceda á emisión dos informes preceptivos.