Preto de 148.000 alumnos participan este curso nas actividades do Plan Proxecta

Educación vén de resolver a convocatoria, que este ano implica 579 centros de ensino, un 6,83 % máis que o curso pasado
O obxectivo é avanzar no desenvolvemento da innovación educativa a través do traballo por proxectos vinculado a áreas como a saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía ou a convivencia, entre outros moitos
Sáb, 07/12/2019 - 12:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de resolver a convocatoria do Plan Proxecta para o presente curso 2019/20, no que preto de 148.000 alumnos (un 7,46% máis ca no curso anterior) se implicarán nalgún dos 44 programas diferentes que compoñen esta iniciativa. En total participan no Proxecta 579 centros de ensino (un 6,83% máis), que desenvolverán 1070 proxectos distintos coa colaboración de máis de 8200 docentes.

Por provincias, 182 centros de ensino coruñeses desenvolverán 305 proxectos, e 82 centros lucenses realizarán 161. En Ourense o número de centros participantes é tamén de 82, que desenvolverán 179 proxectos; mentres que en Pontevedra están implicados 233 centros, cun total de 425 iniciativas. A relación de centros educativos que desenvolven cada programa pode consultarse no portal web da Consellería, no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/portal/node/29690 .

Os programas nos que participan un maior número de centros son PDC (proxecto de vida activa e deportiva), con 305 centros participantes; Aliméntate ben, con 110; Proxecto Ríos, con 57; e Donas de si, Meteoescolas e Proxecto Terra, con  55, 41 e 40 centros respectivamente implicados cada un deles. No programa Por 365 días de respecto e igualdade participarán 36 centros. Pode obterse información sobre os 44 programas no portal educativo, no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta.

No curso 2018/19 participaron no Plan Proxecta 542 centros de ensino, preto de 138.000 alumnos e máis de 8000 profesores.

Programas ofertados

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

Neste curso ofertáronse un total de 44 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a creación audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros.

Dos 44 programas incluídos na convocatoria deste ano, 40 xa estaban en funcionamento o curso pasado e catro entraron a formar forma parte no Plan Proxecta este curso 2019/20: “De Ítaca a Ávalon”, unha nova iniciativa no ámbito da coeducación, “Escola verde” que persegue o fomento de actitudes responsables co medio ambiente na comunidade escolar, “Pasaporte solidario” relacionado coa promoción do voluntariado e “Cidadanía dixital” que pretende contribuír á educación mediática e dixital da comunidade educativa

O feito de acoller a devandita variedade de programas baixo o Plan Proxecta establece un marco xeral de colaboración para traballar neste eido dun xeito estruturado, de tal forma que se contribúe a fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns, a establecer pautas compartidas en relación ao recoñecemento do traballos do profesorado nestes proxectos e a ofrecerlles aos centros e aos docentes a posibilidade de incluír dentro da súa planificación anual e programacións a participación neste tipo de iniciativas.

O obxectivo último deste plan é avanzar nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, un dos principais obxectivos destes plans é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixina como para o resto da comunidade educativa galega.