A Consellería de Educación licita por 634.507,93 € a rehabilitación enerxética do CEIP plurilingüe de Palmeira (Ribeira)

A previsión é adxudicar as obras antes de xuño de 2020

Lun, 25/11/2019 - 14:07

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar na plataforma Contratos de Galicia a licitación da rehabilitación enerxética do CEIP Plurilingüe de Palmeira (Ribeira) por un importe de 634.507,93 €.

A actuación centrarase en mellorar a eficiencia enerxética do centro mediante a aplicación de illamento exterior continuo tipo SATE de poliestireno expandido EPS, a substitución das das actuais fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e a instalación de luminarias de alta eficiencia enerxética. Substituiranse tamén as actuais persianas, coas súas caixas e mecanismos de accionamento, por unhas novas de lamas de aluminio inxectadas con espuma de poliuretano para mellora do seu illamento térmico. Todas estas medidas combinadas supoñen un aforro enerxético anual do 39,57% en consumo de enerxía primaria e do 41,88% en emisións de CO2.

A maiores instalaranse falsos teitos cun sistema rexistrable de paneis acústicos autoportantes de lá de roca en aulas, colocarase pavimento vinílico e repararanse e pintaranse os paramento interiores.

Segundo as previsións que manexa a Consellería, o proceso de licitación e adxudicación de obras estará rematado antes do vindeiro xuño de 2020. Os traballos teñen un prazo de execución de 2,5 meses.