Carmen Pomar salienta o papel das bibliotecas escolares como ferramentas activas a prol da igualdade e inclusión nos centros

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional abriu a xornada “Biblioteca Inclusiva. Cidadanía na diversidade” que reúne a profesionais e docentes para intercambiar experiencias e ofrecer un mellor servizo á comunidade educativa
A Xunta destinará en 2020 máis de 2,5 millóns de euros aos diferentes programas de apoio ás bibliotecas escolares, que suman cada ano novos centros
Ven, 15/11/2019 - 10:39

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, puxo en valor o importante papel que desempeñan as bibliotecas escolares como ferramentas activas a prol dunha maior igualdade, inclusión e atención á diversidade nos centros educativos na medida en que “dan cabida a todas e a todos, á discapacidade e ás altas capacidades, ao diverso en toda a súa gama de matices, cada quen cos seus ritmos, os seus intereses e as súas necesidades”.

Así o expresou con motivo da apertura da Xornada “Biblioteca Inclusiva. Cidadanía na Diversidade” que congrega en Santiago a profesionais vinculados á docencia para compartir experiencias e coñecementos e debater e afondar na posta en marcha de novas iniciativas que reforcen o traballo das bibliotecas escolares dentro dos propios centros educativos. 

En palabras da conselleira, ademais de estar ao servizo da mellora das competencias clave do alumnado, as bibliotecas escolares “son o motor das escolas ao converterse en centro creativo das aprendizaxes; na ferramenta máis futurista, pero tamén a máis ancorada nos saberes elementais: a comunicación, oral, a comprensión lectora, a capacidade para expresarse a través da palabra, a colaboración e a convivencia”. Consciente da relevancia deste espazo nos centros de ensino, a Xunta incrementa nos orzamentos de 2020 ata máis de 2,5 millóns de euros a partida destinada ás distintas accións vinculadas ás bibliotecas escolares.

Cómpre sinalar que os centros que se suman a estas accións medran cada ano. Así, neste curso preto de 700 centros de ensino se beneficiarán das axudas do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), 28 deles de nova incorporación; 80 participan no programa Radio na Biblio, 30 máis que no curso anterior; e 79 en Biblioteca Creativa, 25 deles adheridos este ano.

Obradoiros e experiencias

Ademais de obradoiros e mesas de experiencias nas que participan responsables de bibliotecas escolares de Galicia así como poñentes e expertos de fóra da Comunidade Autónoma, nesta xornada abordáronse outros temas, como a adaptación de textos de lectura fácil, os recursos tecnolóxicos na atención á diversidade, a accesibilidade ás bibliotecas ou o proxecto Lecturas no Canmiño de lectura apoiada con cans para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.