Carmen Pomar destaca a boa posición do Campus Industrial de Ferrol para someterse ao proceso de acreditación que lle permitirá avanzar na súa especialización e competitividade

A conselleira de Educación loou a aposta pola innovación que está a levar a cabo este Campus no eido das titulacións universitarias, acordes coas novas demandas e as novas profesións de futuro

Mar, 29/10/2019 - 13:06
Carmen Pomar destaca a boa posición do Campus Industrial de Ferrol para someterse ao proceso de acreditación que lle permitirá avanzar na súa especialización e competitividade

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o Campus Industrial de Ferrol, onde fixo un percorrido polas instalacións, acompañada polo reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde.

En declaracións aos medios, Carmen Pomar puxo en valor o traballo que está a realizar, dentro da UDC, o Campus Industrial de Ferrol como campus de especialización, do que, segundo dixo, “está en condicións óptimas” para presentarse ao proceso de acreditación dos campus impulsado pola Consellería baseado na especialización e no fomento da investigación. Este proceso de acreditación busca afianzar unha organización territorial baseada nunha identidade propia e ligada ás potencialidades da contorna; ao tempo que lles conferirá unha financiación estable no tempo que lles permita consolidar os proxectos que teñen en marcha.

Ademais do impulso da especialización, da investigación e da docencia a través do apoio aos campus de especialización e aos axentes científicos universitarios, Pomar subliñou a necesidade de innovar na oferta de titulacións en consonancia coas novas demandas de futuro. Neste senso destacou que o Campus de Ferrol é capaz de conxugar titulacións tradicionais con outras vinculadas ao ámbito da moda, da industria ou da dixitalización “moi acordes coas novas demandas e as novas profesións que van vir en non moito tempo”.

Innovación da oferta de titulacións

No caso concreto do Campus de Ferrol esta innovación está garantida a través de novas titulacións como é o caso do Grao de Moda -que se puxo en marcha o pasado curso 2018-19 e que hoxe é un referente en Galicia-, o Máster de Videoxogo (tamén desde o pasado curso), o Grao Dual en Enxeñaría Eléctrica (que se comezou a impartir este curso e que é o primeiro grao Dual do Sistema Universitario Galego) e o innovador Grao en Xestión Dixital e Información e Documentación, tamén neste curso.

Nesta aposta de futuro de innovación de titulacións acordes coas demandas e coa contorna económico-social, cómpre lembrar que o vindeiro curso 2020-21 comece a impartirse neste campus a simultaneidade do grao en Enxeñaría Mecánica e o grao en Enxeñaría Eléctrica; e no 2021-22 o grao interuniversitario en Relacións Internacionais (que será o segundo grao interuniversitario de Galicia), tal e como se acordou coas universidades.

Na súa visita ao Campus Industrial de Ferrol, a conselleira achegouse á Escola Politécnica Superior, onde visitou a Aula de Informática; e á Facultade de Humanidades e Documentación para coñecer a Aula de Creación e Patronaxe e aulas net. Tamén visitou o Laboratorio de Combustibles do Centro de Investigacións Tecnolóxicas, e os centros na Escola Universitaria de Deseño Industrial, concretamente a aula de informática e o laboratorio do equipo de metalografía e prensa metalográfica.