Un cento de docentes afonda nas medidas para acadar unha escola máis inclusiva, nunha xornada organizada por Down Galicia

A conselleira de Educación presidiu a apertura desta cita
Carmen Pomar salientou a importancia da colaboración de toda a comunidade educativa no desenvolvemento de prácticas inclusivas de éxito
Sáb, 26/10/2019 - 11:00

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu esta mañá a apertura da xornada Educación Inclusiva: Deseño Universal para a aprendizaxe e boas prácticas, unha actividade de formación do profesorado organizada por Down Galicia e homologada pola Consellería na que un cento de docentes afonda nas medidas necesarias para acadar unha escola máis inclusiva.

Na súa intervención a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou que unha das prioridades da Consellería é “proporcionar aos docentes ferramentas útiles coas que poidades avanzar nun camiño difícil, cunha meta ambiciosa: a excelencia na educación a través da diversidade”.

Neste sentido lembrou que a posta en marcha da estratexia EduInclusión 2020-2025 vai supoñer “a actualización da normativa referida á atención á diversidade, o impulso á escolarización do alumnado de necesidades específicas de apoio educativo -en centros ordinarios ou en escolarización combinada- ou un pulo á especialización dos centros de educación especial”, entre outras medidas, como un plan formativo para as persoas especialistas na atención á diversidade ou o reforzo das liñas de colaboración entre a Xunta, os centros, as familias e as entidades que traballan neste ámbito.

A este último respecto Carmen Pomar incidiu na necesidade de colaboración entre toda a comunidade educativa para o desenvolvemento das prácticas inclusivas de éxito e agradeceu o esforzo dos docentes que aproveitan xornadas como a de hoxe para seguir formándose neste eido.

Profesionais e experiencias

O encontro vai dirixido a profesionais docentes, de orientación e directivos dos centros educativos de infantil, primaria e secundaria de Galicia e ten como obxectivo xeral contribuír a unha mellora na sensibilización e formación na utilización de metodoloxías inclusivas como unha medida de atención e optimización do proceso de inclusión educativa do alumnado con necesidades de apoio educativo.

Para iso, afondarase nos principios que sustentan a inclusión educativa e identificaranse enfoques, metodoloxías, técnicas, estratexias, recursos e actividades educativas comprometidas cunha educación inclusiva. Así mesmo búscase reflexionar e presentar prácticas educativas construídas sobre as bases da creatividade, o compromiso a renovación e innovación pedagóxica. Neste sentido mostraranse varias experiencias de centros de ensino, como os recreos alternativos do IES de Sanxenxo, o Teatro pola inclusión do IES Antonio Fraguas Fraguas (Santiago de Compostela), o proxecto, A miña escola a miña familia do CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol) ou as iniciativas en Erasmus+ do Colexio Nuestra Señora del Rosario de Arzúa, entre outras.

No transcurso da xornada identificaranse os factores que favorecen ou dificultan unha resposta de calidade ao alumnado con necesidades de apoio, analizaranse os avances e impacto referidas á aplicación de metodoloxías inclusivas na vida do alumnado, da aula e do centro educativo en xeral e reflexionarase sobre a implicación doutros axentes (familia, ONGs…) no ensino inclusivo.

A actividade conta coa participación, entre outros, Susana Pérez Vilariño, mestra de infantil, psicopedagoga e unha das autoras do Protocolo para a atención educativa do alumnado coa Síndrome de Down e/ou Discapacidade Intelectual, impulsado pola Consellería; de Antonio Márquez, mestre de Pedagoxía Inclusiva e actual director do proxecto Aula Desigual, que abordará as pautas do Deseño universal para a aprendizaxe (DUA), universalidade e deseños accesibles; e de José Blas García, mestre, psicopedagogo e membro do grupo de investigación da Universidade de Murcia coa súa intervención Escola para Todos na cal afondará nas últimas tendencias no eido da inclusión na aula.