O alumnado das tres universidades galegas ve positivamente as medidas antiplaxio adoptadas polo profesorado

Carmen Pomar participou na II Conferencia Interuniversitaria O plaxio no sistema Universitario de Galicia
A Consellería e a as tres universidades galegas afondaron hoxe nun estudo elaborado ao respecto, segundo o cal o alumnado de grao considera que citar as fontes lles serve para recoñecer o mérito dos autores orixinais
Os estudantes ven como algo negativo a copia íntegra de traballos pero non como conduta tan grave o feito de copiar partes de traballos ou fragmentos de fontes
Ven, 25/10/2019 - 11:25

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta mañá na II Conferencia Interuniversitaria O plaxio no Sistema Universitario de Galicia, desenvolvida hoxe na Facultade de Ciencias da Educación da Coruña. No encontro afondouse no estudo financiado pola Consellería para identificar e analizar as causas ás que o alumnado de grao e máster das universidades galegas alude para cometer plaxio na elaboración dos traballos académicos.

Na súa intervención a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia incidiu na necesidade de que as universidades colaboren, como o fan a través da conferencia celebrada hoxe, na prevención e detección do plaxio, “o que vai redundar na mellora da calidade e do impacto da produción científica, así como na competitividade das tres universidades como axentes de desenvolvemento económico e social”. “Disto depende non só a consideración dos traballos realizados, senón tamén, en último termo, o prestixio académico de cada institución por separado e do Sistema Universitario de Galicia no seu conxunto”, dixo.

“As tres universidades públicas galegas están chamadas a desenvolver unha importante tarefa en beneficio da sociedade galega, como transmisoras de coñecemento, formadoras de xeracións futuras e, tamén, como xeradoras de investigación e de innovación en distintos campos”, explicou, ao que engadiu “unha actuación firme e unificada contra lacras como a do plaxio redunda en beneficio do noso modelo universitario, pioneiro e referente en España”.

Estudo sobre o plaxio

A mostra do Estudo sobre o plaxio académico no Sistema Universitario de Galicia analizado hoxe estivo conformada por 8.943 estudantes (65.7% mulleres e 33.5% homes), cunha idade media aproximada de 21 anos. Por rama de coñecemento, algo máis da metade do alumnado participante no estudo está a cursar un título de Ciencias Socias e Xurídicas (57.1%), o 16.6% de Ciencias da Saúde, o 10.2% da rama de Enxeñaría e Arquitectura e o 9.2% e o 6.8% á de Ciencias e Artes e Humanidades respectivamente. A recollida de información realizouse mediante un cuestionario deseñado ad hoc.

Os principais resultados do estudo poñen de manifesto a existencia dunha tendencia común na percepción do alumnado con respecto ao plaxio, moi similar en todas as ramas de coñecemento, nas tres universidades galegas e tanto en grao como en máster.

Neste sentido, a percepción de todo o alumnado analizado dos títulos de Grao da UDC, da USC e da UVigo, independentemente da rama de coñecemento, sobre as actuacións realizadas polo profesorado para evitar o plaxio,  evidencia que o profesorado lle ofrece ao alumnado directrices previas para a realización dos traballos académicos, leva a cabo un seguimento dos mesmos prestándolles atención individualizada na aula/titorías en relación á citación de fontes e ao proceso de escritura académica, así como á motivación e que  valorando de xeito positivo a correcta citación de fontes no proceso de avaliación.

Así mesmo, todo o alumnado dos títulos de Máster, independentemente da rama de coñecemento, amosa, ao igual que o alumnado de Grao, unha tendencia xeral a valorar positivamente as accións levadas a cabo polo profesorado para evitar o plaxio.

Utilidade

No referido á utilidade das opcións ofrecidas polo profesorado para evitar o plaxio, todo o alumnado analizado dos títulos de grao valora positivamente o proceso de citación en canto lle serve para recoñecer o mérito dos autores orixinais, para remitir ás fontes orixinais e para apoiar os seus argumentos. Porén, non considera que o proceso de citación sirva para demostrar que aprendeu de maneira adecuada ou para xerar discusións.

No caso dos estudantes de máster, amosan unha tendencia xeral a valorar positivamente a utilidade de citar traballos académicos, pero segue a manifestar que citar correctamente débese en maior medida a un requisito universitario.

Cita e copia

No referido ás súas propias prácticas á hora de elaborar traballos, o alumnado de grao analizado admite ter incorporado aos seus traballos fragmentos de textos escritos e de apuntes sen citar adecuadamente a fonte, pero o que menos fai é entregar como propio un traballo descargado de Internet sen modificalo.

Do mesmo xeito, todo o alumnado dos títulos de máster afirma, en xeral, non cometer plaxio ao longo destes estudos, entendendo por plaxio a copia total de traballos. Aínda así admiten empregar nalgunha que outra ocasión prácticas deshonestas como a incorporación aos traballos de copias de fragmentos, tanto de fontes impresas como de páxinas web. Neste sentido, ve como algo negativo a copia íntegra de traballos pero non como conduta tan grave o feito de copiar partes de traballos ou fragmentos de fontes.

Autopercepción

A autopercepción dos estudantes de grao con respecto ao plaxio difire respecto da percepción que teñen da realización deste tipo de práctica polos compañeiros. Neste sentido, manifestan o seu acordo co feito de que o seu grupo de iguais realiza de maneira frecuente a copia parcial de fragmentos sen citar, aínda que non recoñecen eles mesmos nesa práctica.

No caso dos máster, o resultado é moi similar, isto é, todo o alumnadoten a perspectiva de que o plaxio é diferente cando é cometido polo propio estudante ou polos compañeiros. Así, o estudantado amosa o seu acordo co feito de que a copia parcial de textos, xa sexa de fontes impresas ou de internet, é unha práctica habitual por parte dos seus iguais, pero non nel mesmo. Son prácticas menos recurrentes a copia total de traballos.

Causas

No referido ás causas, o alumnado de grao sinala que as principais son a falta de tempo e a sobrecarga de traballo (factores externos non controlables). Pola contra, non consideran que sexa unha causa para levar a cabo accións de plaxio o descoñecemento da existencia de normativa na universidade que o penalice, nin tampouco, a gravidade das sancións.

No caso dos estudantes de máster, as principais causas son a falta de tempo e a sobrecarga de traballo. A maiores, fan referencia tamén á facilidade e á comodidade do acceso ao material vía Internet como outra das posibles causas de cometer plaxio. Tendo en conta as accións menos valoradas, en xeral o alumnado de máster considera que cometer plaxio non ten relación co descoñecemento da existencia de normativa e a gravidade das sancións impostas.