A Fundación Rof Codina aproba un proxecto de orzamento de 1,8 M€ para o vindeiro ano

Carmen Pomar presidiu a xuntanza do Padroado da Fundación
O Plan de accións para o ano 2020 inclúe a potenciación do servizo de radioterapia do Hospital Veterinario Universitario, a dixitalización das historias clínicas, e o Big Data para a mellora da sanidade animal e a súa aplicación nos procesos produtivos, entre outras
Xov, 24/10/2019 - 18:15

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu esta tarde a reunión do Padroado da Fundación Rof Codina, na que se aprobou o proxecto de orzamentos deste organismo para o vindeiro ano, por un importe de 1,8 millóns de euros así como os plans de acción a desenvolver ao longo de 2020.

Ademais das habituais funcións docentes, investigadoras e asistenciais, estas contas permitirán implantar o servizo de radioterapia e avanzar na consolidación do Hospital Veterinario Universitario-Rof Codina como centro de referencia de benestar animal, así coma no proceso de dixitalización de historias clínicas e o uso do Big Data para a mellora da sanidade animal e a súa aplicación nos procesos produtivos do sector primario.

Así mesmo, co fin de dotar ao Hospital dunha maior capacidade docente e contribuír a unha mellor formación do alumnado do grao de Veterinaria, tratouse a consolidación dos facultativos do Hospital nas figuras de profesores asociados.

Outra das accións a potenciar de cara ao vindeiro ano serán os convenios de colaboración con distintas entidades, co fin de favorecer a docencia e a investigación nos ámbitos de produción, elaboración de dietas e actividade clínico-asistencial no campo das patoloxías tumorais. Tamén se incidirá na formación dos asistentes técnicos veterinarios e outros títulos de Formación Profesional relacionados co sector primario e de produción.

A Fundación Rof Codina ten como finalidade xestionar o Hospital Veterinario Universitario e o Cebiovet (Centro de Biomedicina Veterinaria). O seu Padroado está conformado por 4 representantes da Xunta de Galicia, 3 da Universidade de Santiago de Compostela,3 da Deputación Provincial de Lugo e outros tantos do Concello de Lugo.