Educación fomenta a mellora da comprensión lectora do alumnado en formato dixital a través do Abalar e o Plan Lía

Deste xeito a Consellería busca mellorar os resultados do PISA-ERA (Electronic Reading Assessment)

Esta proba avaliou a competencia lectora dixital dos mozos de 15 anos de 19 países no 2009, antes de que se implantara o Proxecto Abalar

O próximo curso 31.500 alumnos galegos disporán de cadanseu ordenador ultraportátil para o uso na clase

No que vai de lexislatura duplicouse o número de bibliotecas escolares beneficiadas polo Plan de Mellora

Dom, 10/07/2011 - 11:15

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a impulsar a mellora da comprensión lectora dixital entre os escolares galegos a través do Proxecto ABALAR, de integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación no sistema educativo. Deste xeito o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad traballa para que os resultados do informe PISA-ERA que se vai realizar en 2015 dean conta do importante esforzo que a Xunta de Galicia está a facer para que os estudantes galego adquiran competencias dixitais, cada vez máis necesarias.

O informe PISA-ERA 2009 testou a competencia do alumnado de 19 países en tarefas que requiren o acceso, comprensión, valoración e integración de textos dixitais nunha ampla gama de contextos e tarefas de lectura. O informe español recolle unha síntese dos datos máis relevantes a nivel estatal e, dado que proveñen das bases internacionais, non permite ofrecer resultados por Comunidades Autónomas.

A mostra española para esta proba ERA estivo formada por un grupo de 2.300 alumnos duns 170 centros, seleccionados de entre os 26.000 alumnos de 910 centros do conxunto do Estado sobre os que se realizou o Informe PISA 2009

ABALAR e Plan LÍA

O vindeiro curso 2011/2012 31.500 alumas e alumnos de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO terán cadanseu ordenador ultraportátil, o que supón multiplicar máis que por dous os 14.500 do primeiro ano de implantación do ABALAR nos centros educativos galegos. Así, está previsto que o proxecto implique no vindeiro ano académico a arredor de 1.500 aulas de 340 centros educativos.

Da mesma forma, e no que respecta á lectura, a Consellería está a fomentar este hábito entre os máis novos a través do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, información, aprendizaxe). Ao abeiro deste plan desenvólvese ademais o de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), que ten duplicado o número de centro beneficiados desde o inicio de lexislatura.

De feito a Consellería vén de incorporar 83 centros educativos á rede dos beneficiados polo PLAMBE No curso 2010/2011 estiveron integrados no Plan de Mellora 374 centros, dos que 134 son institutos de ensino secundario, o que significa que o 51% do total deste tipo de centros, de titularidade pública estaban incluídos neste programa.

Mellora dos resultados

Segundo os resultados do informe, España sitúase, con 475 puntos, por debaixo da media dos países participantes no que respecta ao rendemento na lectura dixital. Porén cómpre salientar que as iniciativas desenvolvidas para o fomento da lectura nas bibliotecas escolares redundaron nunha mellora dos resultados no Informe PISA 2009, presentados o pasado mes de decembro, no que atinxe á lectura impresa do alumnado galego, cunha puntuación de 486 puntos en comprensión lectora, a principal competencia analizada, o que supón 7 puntos máis que a puntuación obtida no ano 2006; e 5 máis que a media española.

Así, a Consellería confía en que nas vindeiras avaliacións de PISA-ERA se produza unha mellora significativa, grazas á implantación das TIC nas aulas a través do Programa ABALAR e do impulso que se está a dar ao PLAN LÍA e ao PLAMBE.

De feito, outra das conclusións do PISA-ERA 2009 é que un uso moderado do ordenador tanto na escola como na casa mellora os resultados, polo que a oportunidade que supón para o alumnado implicado no ABALAR dispor de ordenadores ultraportátiles na aula resulta un factor favorable neste sentido. Doutra banda o PLAMBE ten entre os seus obxectivos a integración da cultura dixital, polo que dota ás bibliotecas escolares de axudas para, entre outros aspectos, a adquisicións de fondos documentais en soporte multimedia e de equipamentos informáticos.