Educación concede a 69 estudantes universitarios os premios extraordinarios fin de carreira

O galardón, dotado con ata 3.000 euros por premiado, é un recoñecemento á súa excelente traxectoria académica
Dos premiados, o 71 por cento son mulleres
Lun, 14/10/2019 - 11:11

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de conceder os premios extraordinarios Fin de Carreira a 69 estudantes que remataron os seus estudos universitarios no curso  2017-18 nalgunha das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG); 49 dos cales son mulleres (o 71%) e os outros 20 son homes. Por universidades, 26 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela (USC), outros 27 a Universidade de Vigo (UVigo), e 17 á Universidade da Coruña (UDC).

Con este galardóns a Consellería de Educación recoñece as mellores traxectorias académicas do alumnado universitario galego, o seu traballo, esforzo e excelencia. Para tal fin, o departamento que dirixe Carmen Pomar destina un orzamento de 222.000 euros. Cada un dos galardoados acada un premio de ata un máximo de 3.000 euros e un diploma acreditativo, o que supón un recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.

Estes premios están dirixidos ao alumnado universitario que cursase de forma íntegra os estudos da titulación universitaria pola que opta ao premio nas universidades do SUG, e que teña acadado unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8'5 puntos, para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7'5 puntos, para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

Ao igual que o ano pasado, o número de premios está determinado polo número de persoas egresadas na mesma titulación. Deste xeito, aquelas con ata 199 persoas egresadas optan a un premio, as que teñen entre 200 e 299 a dous e as que contan con 300 ou máis persoas optarán a tres premios.

O listado de galardoados pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe.